OurenseÚltima hora

O Pleno de Ourense aproba reclamar á Xunta máis recursos ante “os recortes” no CHUO

Esta moción presentouse de xeito extraordinario e foi presentada polos grupos de Ourense en Común e PSdeG-PSOE e secundada por Democracia Ourensana
Sesión Plenaria extraordinaria de hoxe. // Foto: Carlos Asensio.

Sesión plenaria extraordinaria no Concello de Ourense no día de hoxe, 15 de febreiro. O único punto do día foi unha moción presentada en conxunto polos grupos socialista e Ourense en Común no que solicitaban instarlle ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que reciban aos traballadores do CHUO “e atendan o clamor cidadán dunha sanidade digna en Ourense”. Unha moción que foi aprobada cos votos a favor destes dous grupos máis os de Democracia Ourensana -15- e dos votos en contra dos 10 concelleiros do Partido Popular.

Na moción tamén solicitaban que se lle instase á Xunta a acadar “un consenso cos axentes sociais e políticos” coa fin de que non se leven adiante “os recortes previstos”, aumentando a asignación económica nos Orzamentos da Xunta “para optimizar a situación actual” antes de aprobar a reforma da Lei de Saúde de Galicia.

A primeira en tomar a palabra foi a concelleira de Ourense en Común, Ledicia Piñeiro, que cualificou a xestión sanitaria en Ourense de “despropósito desmedido”. Segundo explicou a concelleira, esta moción veu presentada por tres motivos que desgranou. O primeiro foi relacionado co tema de “persoal e servizos sanitarios” xa que “no CHUO pecháronse 55 camas”, dixo, o que conleva “a unha situación de “hacinamento” e reiterou que a redución de persoal “provoca unha deficiencia na calidade da atención”. Outra das cuestións foi a da Cirurxía Pediátrica e das Urxencias, “exemplo palpable de desmantelación”, asegurou. Por este motivo recalcou ao concello “que se molle” e “siga o exemplo da cidadanía” que se manifestou.

Pola súa banda, o voceiro socialista, José Ángel Vázquez Barquero, dixo que o Partido Popular “non fai caso ás denuncias dos traballadores e dos usuarios” e reiterou que están tendo un “comportamento neglixente” en materia sanitaria. Por este motivo, argumento que os socialistas “levamos anos denunciando a caótica situación do CHUO” por este motivo esixiulle ao alcalde “que actúe en beneficio dos galegos”.

Finalmente, o voceiro de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, recalcou que Ourense é “o eterno discriminado”, facendo unha comparativa coa inversión sanitaria entre Ourense e Vigo: “se Ourense non é o catro por cento de Vigo, por que non se inviste o catro por cento”, dixo. O argumentario dos votos a favor de Democracia Ourensana era o de “acabar dunha vez por todas coa discriminación de Ourense”.

Pero para a concelleira do Partido Popular, Sofía Godoy, esta moción é “un asunto totalmente electoralista” e un “arma arrojadiza” para os políticos. En canto a Lei da Sanidade de Galicia, Godoy recalcou que “é un debate alleo” xa que devandita lei “o que fai é organizar un mapa sanitario desfasado de hai 30 anos”. Para defender o seu argumentario, Sofía Godoy, reiterou que durante o mandato do PP no Concello “fixéronse novos logros en materia sanitaria” exemplificando coa reforma dos edificios Cristal Piñor e o Materno Infantil. A concelleira asegurou que en Ourense “hai unha boa infraestrutura sanitaria na que dende decembro hai 145 camas”. Ante esta situación, Godoy propuxo un pacto entre as forzas políticas “con medidas ambiciosas”.

Unha vez realizada a votación, e rematado o pleno, fixo a súa intervención a presidenta da xunta de Persoal do CHUO, Asunción Maus, que o hospital de Ourense é “sideral” pero sen servizos básicos que presenta “numerosas deficiencias”, entre elas, o “servizo de cirurxía pediátrica, que está condenado a desaparecer xa que o único cirurxián está a piques de xubilarse e non hai unha praza de emprego estable”. En canto ao servizo de comidas, reiterou que as actuais cociñas do Complexo ourensán “está obsoleta” e que os traballadores “teñen que andar un quilómetro para subir á sexta planta do novo edificio as comidas” que ten como consecuencia “que se arrefríe a comida”. Maus explicou que para solucionar ese problema “temos que quentala no microondas” cousa que “non está permitido”, dixo.

Texto: Carlos Asensio.

 

Artigos relacionados

Back to top button