Desde hoxe, ata o xoves 30 de novembro, as asociacións de pacientes e profesionais da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras poderán presentar as súas ideas e iniciativas de humanización, na terceira edición desta iniciativa que mediante a escoita activa, dos máximos implicados na asistencia sanitaria pública, ten por principal obxectivo avanzar cara unha atención máis humana e de maior calidade.
Esta novidosa convocatoria de participación e compromiso coa humanización, sen precedentes en España, sirve para integrar o criterio e percepcións tanto de pacientes como profesionais, impulsando proxectos de humanización de asistencia, atención e coidados, tanto nos centros de saúde como nos tres hospitais públicos de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, na liña da estratexia do Sergas en prol da humanización.
O proxecto recibe novamente, nesta súa terceira edición, o apoio da Fundación Astra Zeneca, que permite premiar económicamente á idea gañadora, nas dúas categorías de profesionais e asociacións de pacientes, con 3.000 euros, ademais do compromiso da Área Sanitaria para levalo a práctica.
A participación poderá ser individual ou colectiva, tamén no caso das asociacións, nas que o proxecto pode ser colaborativo, con propostas agregadas de varios colectivos. Non hai limite de ideas a presentar, e estas deberán remitirse á dirección: premio.humanizacion.ourense@sergas.ourense.
Como en edicións anteriores o xurado realizará unha selección das propostas finalistas, que serán presentadas e defendidas polos seus autores nunha xornada de difusión, aberta a profesionais e pacientes. O xurado reunirase, ao remate das exposicións, para elixir os traballos premiados, tendo en conta os criterios de valoracion recollidos nas bases, o alcance, o impacto, a factibilidade, a orixinalidade, a sostenibilidade e a ética da proposta.
Alta participación en anteriores edicións
As convocatorias precedentes rexistraron unha altísima participación, con preto de medio centenar de iniciativas presentadas. O pasado ano foron premiadas conxuntamente, na categoría de profesionais, a iniciativa de mellora da humanización dos coidados paliativos proposta polas enfermeiras da Unidade de Oncoloxía do Hospital Público de Verín, Cristina Bueno Ferreira, Melisa Rodríguez Lage e Mónica González Placer.
Compartindo premio, recoñeceuse tamén a idea de Martina Fernández Blanco, médica do Servizo de Rehabilitación e Medicina Física do Hospital Universitario de Ourense, para concienciar, a profesionais e coidadores familiares, da necesidade de “prescribir” exercicio para manter a autonomía do paciente maior e facilitar a súa volta a casa, tras recibir o alta, nas mellores condicións. Ademais, recoñeceuse, cun accesit especial, a proposta de mellora da asistencia pre-cirúrxica de Gracia Rodríguez Feijoo, xefa do Servizo de Anxioloxía e Cirurxía Vascular.
Na categoría das Asociacións de Pacientes, o xurado seleccionou na pasada edición os “Roteiros Saudables” un proxecto da Asociación Española contra o Cancro en Ourense, o que permitiu apoiar a posta en marcha desta iniciativa que se fixo realidade en distintos puntos da provincia, unindo exercicio e apoio entre pacientes de cancro. Incrementando así a actividade física, coa sensación de benestar que comporta, e dar un respiro aos participantes, saíndo un momento do ambiente hospitalario, desconectando cun paseo ao aire libre e socializando con outras persoas.
A principal satisfacción destes premios é “ver convertidas en realidade ideas para mellorar a asistencia, facendo esta máis próxima e humana” dí unha das súas impulsoras, a xefa do Servizo de Atención ao Paciente, Belén Piñeiro, que tamén destaca a satisfacción “polo altísimo grao de compromiso dos profesionais e os membros das asociacións de pacientes Ourense” creando e afianzando o que ela define como unha “cultura ourensá pola humanización da sanidade pública” que está a ser respaldada cada ano con premios e recoñecementos a nivel nacional.