SanidadeÚltima hora

A cartografía de risco do Covid-19 analiza a incidencia territorial da pandemia

O obxectivo desta iniciativa é analizar cal é o comportamento espacial de propagación do Covid-19 en Galicia, a fin de coñecer onde se localizan os principais focos de contaxio, con que factores territoriais se relaciona e cales son os espazos clave de actuación para frear a propagación

 

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou hoxe as instalacións do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega), dependente da Universidade de Santiago de Compostela (USC), para coñecer de primeira man os progresos do proxecto de creación dunha cartografía de risco da covid-19 nos espazos urbanos e rurais de Galicia.

Esta iniciativa, que contou cunha axuda de preto de 71.000 euros, é un dos oito proxectos innovadores seleccionados na convocatoria realizada pola Xunta de Galicia en marzo do pasado ano na procura de solucións e ferramentas que contribuísen a facer fronte á situación xerada pola pandemia, para o que a Administración autonómica destinou preto de 750.000 euros, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

No transcurso da visita, Patricia Argerey puxo de relevo, por unha banda, o compromiso da Xunta de Galicia para dar resposta inmediata ás necesidades urxentes derivadas da crise sanitaria, e por outra, a capacidade do ecosistema innovador galego, que foi quen de sumarse ao esforzo da Xunta nese obxectivo común. A directora de Gain agradeceu, ademais “o labor realizado polo equipo investigador, encabezado polo profesor Ángel Miramontes Carballada, do departamento de Xeografía da Universidade de Santiago, xunto co enxeñeiro José Balsa Barreito, investigador do Massachusetts Institute of Technology, e a economista Inés Guzmán, que lideraron esta iniciativa e coordinaron ao amplo equipo multidisciplinar que ao longo de todos estes meses ten participado no proxecto”.

Pola súa banda, os responsables do proxecto explicaron que o obxectivo do mesmo era analizar cal é o comportamento espacial de propagación da covid-19 en Galicia, a fin de coñecer onde se localizan os principais focos de contaxio, con que factores territoriais se relaciona e cales son os espazos clave de actuación para frear a propagación, ademais de identificar cales son os patróns observados.

Deste xeito, pódese elaborar unha cartografía de risco con información relevante que se lle envía ao Sergas para a toma de decisións orientadas a poñer freo á transmisión do virus e adiantarse, na medida do posible, aos posibles rebrotes do virus. Trátase dun proxecto vivo, que se foi enriquecendo co tempo e no que se veñen introducindo novas variables, como os datos de vacinación, que permiten analizar a incidencia territorial na chegada da vacina e o peche da situación da pandemia.

En total, a Xunta de Galicia ten destinado ao redor de 14M€ en actuacións para facer fronte desde a investigación e a innovación á situación xerada pola covid-19, como a extensión en seis meses dos contratos a investigadores predoutorias e posdoutorais ou axudas destinadas a proxectos de investigación sanitaria.

Adicionalmente, o Goberno autonómico está a traballar nunhas novas axudas, dotadas con 4M€, coas que pretende acadar o dobre obxectivo de facer fronte a pandemia e contribuír á transición dixital das pemes galegas nos ámbitos estratéxicos dos Hubs galegos de innovación dixital: DIHIGAL e Datalife, tal e como adianta a Xunta.

Estas axudas poderán solicitarse tanto para proxectos de I+D como para proxectos de innovación en produto. Están dirixidas fundamentalmente a pemes e centros de coñecemento, e permitirán avanzar na investigación sobre vacinas, medicamentos e tratamentos, produtos sanitarios e equipos hospitalarios e médicos, desinfectantes e roupa e equipos de protección, así como as innovacións de procesos pertinentes con vistas a unha produción eficiente dos produtos necesarios ao redor do Covid-19.

Artigos relacionados

Back to top button