EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

A D.O. Monterrei festexa a calidade dos seus viños en Verín nunha feira chea de actividades

A XVI Feira do Viño de Monterrei, que se inauguraba onte, desenvolverase nesta fin de semana na Alameda da vila

 

“O noso viño mellora a súa calidade e conta, cada vez máis, con máis recoñecementos nacionais e internacionais, melloramos na súa promoción, tamén aumenta a súa produción, o número de viticultores e de hectáreas. E o hoxe o sector do viño de Monterrei supón o 3,28% do PIB desta comarca e supón o 2,6% do seu emprego. Existe futuro no rural e o viño é un exemplo, o sector vitivinícola é o motor dinamizador desta comarca”. Era a mensaxe que lanzaba na tarde do 11 de agosto na inauguración da XVI Feira do Viño de Monterrei, que se celebra do 11 ao 13 de agosto, o presidente do consello regulador desta D.O., Jonatás Gago. Ademais neste acto, celebrado na praza Maior de Verín, resaltaba á importancia de lograr “un relevo xeracional no sector”, algo que permitiría “fixar poboación”, insistindo en que “hai futueo no sector vitivinícola.

Neste acto, Gago estaba acompañado por diversas autoridades, entre elas, o alcalde e o tenente de alcalde de Verín, Gerardo Seoane e Diego Lourenzo, respectivamente; o conselleiro do Medio Rural, José González; e o presidente da Deputación, Luis Menor. Ademais de pola pregoeira desta edición, a presentadora de televisión verinesa Esther Estévez.

 

 

O presidente do CRDO Monterrei comezaba a súa intervención agradecendo de xeito especial a participación das 18 adegas participantes nesta edición a mostra, instalada na Alameda, “grazas a elas estamos de novo todos xuntos rendendo homenaxe ao froito do noso traballo: o viño”. Así mesmo poñía en valor o labor de viticultores e adegueiros e agradecía o apoio das administracións para levar adiante este evento e destacaba as diferentes actividades incluídas no programa, “que nos permitirán aprezas as características propias dos nosos viños. Queremos facer pegadoxía do viño” cunha serie de accións divulgativas que “nos permitan desfrutar de cada grolo cunha copa”.

 

 

 

Deseguido tomaba a palabra o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, quen aludía a importancia de impulsar unha serie de proxectos de carácter transversal de xeito conxunto entre os concellos da comarca de Monterrei: o do ciclo da auga, un polígono industrial agroalimentario e o plan de sostibilidade do Taméga. “Son proxectos que escapan á capacidade dos concellos”, apuntaba, por iso apelaba á implicación das diferentes administracións. E como exemplo da importancia do seu desenvolvemento poñía a relevancia que supón o impulso do sector vitivinícola como “motor da economía da comarca, pero hai moitos máis sectores da rama agroalimentaria que se poden desenvolver tamén dese xeito”.

 

 

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, aseguraba que denominación de orixe “aínda moza, ten unha gran proxección e camiña con pasos decididos cara novos tempos máis maduros”. E destacaba que a súa presenza na feira, por vez primeira como presidente provincial, non era unha visita máis: “Quixen estar aquí para significar que cando me comprometín a estar no territorio quería dicir precisamente isto: estar ao carón de todas aquelas persoas que, co seu esforzo, fan grande esta provincia”.

 

 

Menor cualificou os viños de Monterrei como “o resultado do laborioso, pero tamén coidado traballo” que fan adegueiros, produtores, colleiteiros e viticultores en xeral, xerando riqueza e emprego neste val e que hoxe toca recoñecer”. O territorio ourensán, lembrou, posúe catro denominacións de orixe, “o que é para sentirse orgullosos”. Comprometeu tamén a colaboración da Deputación de Ourense, “que vai seguir apoiando ao sector do viño como un dos emblemas do noso territorio”.

 

 

A quenda de intervecións institucionais pechábase co conselleiro do Medio Rural, José González, quen sinalaba que a comarca de Monterrei “é a principal exposición dos instrumentos da Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia”. Así aludía ao Plan Monterrei “como un proxecto tractor de recuperación integral e sustentable para darlle maior cohesión ao territorio. Esta iniciativa pivota sobre os instrumentos de recuperación postos en marcha pola consellería, como a aldea modelo de Infesta ou o polígono agroforestal de Vences, que lograron mobilizar ao redor de 65 hectáreas. Con todo, o Plan Monterrei prevé acadar as 4.000 hectáreas de viñedo, plantación de castiñeiro, horta e gandaría en extensivo”.

 

 

 

O titular do Medio Rural mencionou tamén a gran calidade dos viños desta zona e da comunidade en xeral, como unha característica intrínseca de Galicia. Por este mesmo motivo, segundo salientou, estase a traballar na Lei da calidade alimentaria, que procura salvagardar a continuidade do sector primario, de forma que a calidade sexa o gran referente. Deste xeito, o conselleiro recalcou outro dos proxectos que o Goberno galego ten postos en marcha para apoiar este eido, como a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas, para potenciar o cultivo de viñedo e mellorar a competitividade do sector.

 

 

O pregón da verinesa Esther Estévez marcaba o final do acto inaugural. No seu discurso centrábase na súa historia vital en relación co viño, cunha lembranza especial á vendima dos bacelos no viñedo da súa familia en Ábedes. “É a actividade que recordo na miña casa dende que teño uso de razón”. Despois realizaba unha contextualización histórica da importancia dos viños de Monterrei ata chegar ao seu momento actual. “O viño séguelle dando vida a esta comarca, vida económica e cultural”, concluía.

 

 

Tras o pregón e o brindis institucional, os asistentes dirixíanse cara a Alameda de Verín, onde está situado o recinto feiral onde poden visitarse os stands de 18 adegas (son 28 as amparadas pola D.O. Monterrei): Ladairo, Gargalo, Valderello, Crego e Monaguillo, Quinta do Buble, Terras do Cigarrón, Triay, Adegas Terrae, Tapias Mariñán, Fragas do Lecer, Vía Arxéntea, Abeledos, Pazo de Valdeconde, Franco Basalo, Adegas Daniel Fernández, Quinta Soutullo, Manuel Vázquez Viticultor e Serra de Alén.

Ademais os viños elaborados por estas adegas poden degustarse acompañados de diversas propostas gastronómicas da man de ata 9 postos diferentes situados no mesmo recinto feiral. O horario de apertura das casetas será o seguinte: venres 11 de 19.30 a 24.00 h. (venda anticipada a partir das 19.00 horas), sábado 12 de 12.30 a 14.30 h. e de 19.30 a 01.00 h., e domingo 13 de 12.30 a 14.30 h e de 19.30 a 24.00 h. E os prezos de 5 degustacións por dez euros e unha copa personalizada da D.O. por dous euros.

 

Foto: D.O. Monterrei.

 

Imposición de medallas da Confraría dos Viños de Monterrei

Unha hora e media antes do acto inaugural da feira, ás 18.30 horas, desenvolvíase na Igrexa Parroquial de Verín o acto de imposición de medallas da Confraría dos Viños de Monterrei. Nesta ocasión recaían en Luis Buitrón, presidente da Federación Española de Enoloxía; Josefa Álvarez Araújo e Emilio Santos Rodríguez, dous veciños da comarca de Monterrei, con gran implicación no sector vitivinícola. Este acto recuperábase nesta edición da mostra.

Fotos da galería: Carlos G. Hervella.

Fotos do acto da Confraría dos Viños de Monterrei: D.O. Monterrei.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button