Como antesala das vindeiras festas de Nadal, a Denominación de Orixe Ribeiro vén de celebrar a novena edición dos seus premios na mañá deste 18 de decembro, reunindo de forma presencial e online a autoridades, xornalistas, adegueiros, viticultores e representantes de todos os estamentos implicados na cultura do viño.
O presidente da D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara, facía un chamamento ao consumo de produtos galegos na súa intervención neste acto, que tiña lugar no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago e no que se seguían os protocolos anticovid. “Nestes días tan especiais que se achegan debemos ser ‘máis galegos que nunca’ mercando produtos da nosa terra e no noso comercio como forma de que todo o valor engadido fique aquí. Por elo neste Nadal en ningunha mesa galega debe faltar unha botella de viño da D.O. Ribeiro”.
A gala serviu para coñecer os gañadores da Cata Oficial, designados a cegas por un panel de expertos de entre os 50 viños participantes, dun total de 32 adegas. Os viños premiados son os seguintes:
Pazo do Mar Expresión 2019, de Adegas Pazo do Mar, é o “Mellor viño branco de adega”.
O galardón ao “Mellor viño branco de colleiteiro” recaeu en Cuñas Davia 2019, de Adegas Valdavia.
O “Mellor viño tinto de adega” foi para O Cotarelo 2019, de Benigno Ríos Mosquera.
E, o “Mellor viño tinto de colleiteiro” é Canción de Elisa 2019, de Adega Dona Elisa.
Pero non foron estes os únicos galardóns que se entregaron. Luís L. Paadín, profesor e catador, foi nomeado “Persoeiro de Honra” da Denominación de Orixe Ribeiro e Alfonso Albor Rodríguez, da adega Pazos de Albor, recolleu o “Vida entre Vides”.

Tamén foi protagonista Esther Daporta que recibiu o “Muller e Viño”, na mesma semana na que o restaurante Yayo Daporta de Cambados revalidou a súa Estrella Michelin.
O xornalista Francisco J. Gil, do programa Cousas de Comer, foi recoñecido no apartado de “Mellor Labor de Comunicación”.
E, nas categorías reservadas aos profesionais da hostalaría e da venda aos particulares, o “Mellor servizo de viño en restaurante”, foi para Los Abetos, de Nigrán; o “Mellor tenda de viños-viñoteca”, para Valladares en Santiago; e o “Mellor bar de viños-taberna” a Derby, en Vilagarcía.
A gala contou coa presenza do vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda; do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; do conselleiro do Medio Rural, José González; do concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo do concello de Santiago, Gumersindo Guinarte; e da directora de Turismo, Nava Castro; así como dunha ampla representación institucional dos concellos pertencentes á D.O. Ribeiro.

Neste acto, Alfonso Rueda resaltou a calidade dos viños galegos e a súa contribución ao desenvolvemento da economía e ao futuro do rural, así como o potencial turístico do sector vitivinícola. Ademais incidiu no compromiso da Xunta por reforzar a marca Galicia Calidade como un selo que identifique a calidade de produtos galegos como o viño.
Pola súa banda, o conselleiro José González destacou a potencialidade desta zona vinícola, capaz de producir viños dunha calidade excepcional equiparable á de calquera das zonas de produción de calidade do mundo. Así, puxo en valor a aposta da denominación polas variedades autóctonas galegas para elaborar caldos de gran valor como unha forma de desenvolvemento sustentable e de recuperación do medio rural en xeral e da zona do Ribeiro en particular.