Representantes da Rede Estatal do Castiñeiro (da que forma parte Proagrosilga, que preside Juan Fernández veciño de Valdeorras) mantiñan o 23 de abril en Madrid unha xuntanza con responsables do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e do Ministerio para a Transición Ecolóxica, co fin de coñecer o resultado dos estudos que esta última institución leva realizando dende o 2017 para avaliar o impacto da introdución no medio natural do Torymus sinensis como organismo de control biolóxico sobre as producións da avespiña do castiñeiro e das actividades realizadas no 2018 para o seu control.
“Este estudo ten sido motivado pola necesidade, preocupación e demanda do sector produtor, representado pola Rede Estatal do Castiñeiro, dada a rápida, intensa e xeralizada extensión da praga nas zonas produtoras de castaña. Esta rede leva demandando e esixindo, dende o 2014, a necesidade urxente de realizar autorizacións administrativas pertinentes para implementar medidas urxentes, inmediatas e de amplitude suficiente que minimicen os efectos lesivos provocados por esta especie invasora”, sinalan dende a Rede Estatal do Castiñeiro, que preside Juan Fernández, xerente de Castañas Rafael.
Nesta reunión dende o MAPA informóuselles de que dende o ano 2018 leváronse a cabo máis de 100 inspeccións específicas a viveiros produtores de planta e máis de 40.000 inspeccións de campo, sobre unha superfice de 1.615 hectáreas de castiñeiros, nos que se tomaron 272 mostras das que 265 resultaron positivas á avespiña. Ademais en soltas experimentais soltáronse máis de 800.000 exemplares de Torymus sinensis no 2018 en Andalucía, Asturias, Castela e León e Galicia, sendo esta última comunidade a que máis esforzo realizou con máis de 700.000 exemplares de Torymus liberados.
Os resultados presentados, “unidos xa a presenza natural do parasitoide en diversas áreas peninsulares, fan inevitable a próxima autorización do seu uso como axente de control biolóxico, se ben, a súa utilización pdoerá seguir estando coordinada e supervisada polas autoridades responsables en materia de sanidade vexetal das comunidades autónomas e do propio órgano ministerial, que se comprometeu e realizar as xestións necesarias, marcándose como prazo o mes de setembro para a súa resolución”, indican dende a Rede Estatal do Castiñeiro.
Neste senso, durante a xuntanza esta entidade pedía unha revisión inmediata do borrador do plan de contixencia contra esta praga para a súa aprobación e posta en marcha e a coordinación coas comunidades autónomas. “Ademais transmitiuse a necesidade de continuar co apoio e o financiamento público das soltas experimentais, que deberán ser masivas no futuro, xa que a atomización da propiedade e da produción dificultan na maioría dos casos a súa aplicación individual”, segundo a Rede Estatal do Castiñeiro.
Tamén se solicitaba apoio ao MAPA para realizar unha campaña divulgativa e informada para o sector produtor sobre a praga. Sector e representantes do ministerio volverán manter unha nova xuntanza o vindeiro mes de setembro. Nela espérase que o goberno anuncie a autorización definitiva do uso de Torymys sinensis e que concrete o plan de continxencia e as medidas de coordinación necesarias coas comunidades autónomas.