OurenseÚltima hora

“Afonso X e Galicia”, unha ollada á Galicia medieval dende Ourense

Esta exposición, que se abría ao público esta mañá, poderá visitarse ata o 22 de agosto no Centro Cultural Marcos Varcárcel

 

Propón un percorrido diferente, e cun apartado especial para a provincia, á Galicia medieval a través de múltiples aspectos e facetas: a artesanía, a arquitectura, a música, a literatura, o lecer, o dereito… A exposición “Afonso X e Galicia” vén de abrir as súas portas esta mañá en Ourense no Centro Cultural Marcos Valcárcel, no que supón a súa segunda parada na comunidade, tras inaugurase o pasado xaneiro en Santiago.

Trátase dun proxecto expositivo producido polo Consello da Cultura Galega en colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e a Universidade de Santiago de Compostela. Unha iniciativa que nacía no marco dunha ocasión excepcional: “O ano 2021 é un ano especial, un Ano Santo de Peregrinación, e no que se pon de relevo ese vínculo especial que Galicia tivo con Europa e co mundo enteiro a través do Camiño de Santiago, un vínculo europeo que trouxo e levou cultura. Ademais neste 2021 cúmprense os 800 anos do nacemento de Afonso X, que podería ser chamado o poeta porque foi grande dentro das letras galegas”, aseguraba no acto inaugural da mostra a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, quen incidía ademais na vocación itinerante deste proxecto, no que se buscarán fórmulas para poder achegalo a espazos expositivos de diferentes concellos da comunidade.

A mostra está comisariada polo músico, musicólogo e medievalista Antoni Rossell e pretende amosar e achegar a conexión con Galicia de Afonso X a través das “Cantigas de Santa Maria”, pero tamén noutros nexos máis profundos, ao tempo que amosa un intelectual que condensa outra forma de entender o saber do seu tempo. “A nosa pretensión é poñer de relevo, reivindicar e difundir o patrimonio galego medieval vinculado a Afonso X: o patrimonio lingüístico, o literario, o musical, o monacal e relixioso e outros como o termalismo”, aseguraba Rossell, matizando tamén que, a diferenza doutras exposicións anteriores sobre este monarca, esta ten “unha especificidade que é Galicia”.

A proposta afástase das exposicións de obxectos, busca compoñer ese relato a modo de crebacabezas con varios niveis, apoiado nunha narrativa multimedia, segundo o Consello da Cultura Galega. As circunstancias sanitarias obrigaron a adaptar o deseño desta exposición para que se poida “tocar” virtualmente a través dos dispositivos móbiles, pero tamén de proxeccións visuais e sonoras que permitirán trasladar a atmosfera da Idade Media.

 

 

O relato está en galego, inglés e castelán e permitirá achegarse á complexa e poliédrica figura de Afonso X, ás Cantigas de Santa María, como testemuño visual e sonoro da Idade Media galega e europea, aos instrumentos e á cultura galega da época.

Ademais a mostra que xa pode verse no Centro Cultural da Deputación conta cunha aportación ourensá, na que se contou coa colaboración de Alfonso Vázquez-Monxardín, para “exaltar a importancia de Afonso X nas nosas terras”, incluíndo pezas como códices ou poemas relacionados con Ourense ou con outras zonas como Allariz. Tamén se inclúe unha recompilación de imaxes de mosteiros e castelos da provincia.

O acto pechábase coa intervención do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen se refería tamén a que “estamos no 800 cumpreanos do noso Rei, alguén que levou á maior cualificación a lingua galega tanto na lírica profana como relixiosa na idade media e que contemplou o plurilingüismo como un elemento esencial da cultura”.

Nesta liña felicitou e destacou o labor dos comisarios cunha expresa mención “a outro Afonso, Vázquez Monxardín, que moi acertadamente completou esa visión ourensá cunha selección documental entre a que se atopa unha edición facsimil do ano 1979 correspondente ao tomo primeiro da cantiga un das Cantigas de Santa María, procedente da biblioteca de San Lorenzo del Escorial pero que estivo ata agora no Pazo provincial a disposición de calquera visitante que quixera comprobar o xigantismo cultural do rei”. Aseguraba ademais que con esta exposición “estamos conmemorando o seu inxente traballo cultural e o seu interese pola investigación”. E incidía en que se complementa con proxeccións e tamén con andainas “dende a perspectiva de Ourense”.

A mostra estará no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, entre o 7 de maio e o 22 de agosto cos seguintes horarios de visita: de luns a venres de 11.00 a 14.00 h. e de 17.00 a 21.00 h., e sábados, domingos e festivos de 11.00 a 14.00 h.

Roteiros pola provincia

A exposición, que permanecerá aberta ata mediados de agosto, chega a Ourense enriquecida cunha serie de materiais que permiten exhibir a conexión do Rei Sabio coa provincia. Entre eles “O Tombo das viñas de Ribadavia”, un pergamiño procedente do mosteiro de Melón, custodiado no Arquivo da Catedral de Ourense que se exhibe por primeira vez e que está considerado como un dos primeiros documentos en galego. A mostra inclúe cinco bloques temáticos: a dimensión máis humana do rei; un percorrido pola vida e conflitos persoais do monarca; o seu labor científico, histórico e cultural; unha área musical con instrumentos medievais; un espazo central para as Cantigas de Santa María; e unha última zona onde se ilustra graficamente a sociedade medieval. Ademais, preséntanse varios roteiros que percorren a provincia polos espazos que gardan o legado medieval relacionado con Afonso X en forma de documentos, códices, pezas, esculturas moedas ou xoias.

Medalla de ouro da provincia para José Paz

Manuel Baltar aproveitou a inauguración da exposición, “na que falamos de cultura, de historia e de Ourense” para anunciar o próximo inicio dun expediente para a concesión da medalla de ouro da provincia a José Paz, falecido o pasado 23 de abril, “e co que tiñamos grandes proxectos que levaremos adiante malia a súa desaparición física”. Referiuse así á doazón dunha das coleccións máis importantes do mundo composta por 30.000 volumes dedicados ao premio Nobel de Literatura, o bengalí Rabindranath Tagore, nado tal día como hoxe en 1861, ademais doutras amplas bibliografías relacionadas co mundo do cinema, da arte popular, a cultura galaico-portuguesa ou da pedagoxía.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button