EntrevistasÚltima hora

António Pinelo Tiza: “As tradicións son os elementos que unen a estes 18 relatos”

Este escritor e investigador de Bragança vén de publicar o libro "Pretérito Imperfeito", algunhas de cuxas historias se desenvolven na Raia

António Pinelo Tiza./ Cedida.

 

O pretérito imperfecto é un tempo verbal que describe unha acción do pasado, pero que transmite algo en proceso, sen concretar se está rematado ou non. E nese contexto temporal sitúa o investigador e escritor António Pinelo Tiza, natural de Varge (Bragança); as historias do seu novo libro “Pretérito imperfeito. Contos do Nordeste” (Leya, 2023), que presentará o vindeiro 12 de outubro na Libraría Buchholz en Lisboa (Portugal).

Son 18 relatos de ficción mergullados en tradicións, algunhas das cales, conseguen perdurar e que constitúen un referente identitario para as localidades onde se desenvolven: os doce municipios do distrito de Bragança. Se ben, como as tradicións e as relacións sociais non entenden de fronteiras administrativas, moitas delas cruzan a Raia, e así aparecen relatos vinculados a Hermisende (lindando coa provincia de Ourense) ou a Rihonor de Castilla (ambas en Zamora).

Pinelo Tiza posúe un extenso abano de publicacións vinculadas coa cultura popular, en especial coas máscaras e as mascaradas, pero tamén é autor de novelas como “El monje”, que se desenvolve en boa medida no Mosteiro de San Martín de Castañeda (Sanabria) e que presentaba hai uns meses en Lubián e na Cabreira.

– Os relatos de “Pretérito imperfeito” falan de tradicións, pero non son contos tradicionais…

Son ficción pero teñen unha base tradicional, conteñen algún elemento de cultura popular, de actividades tradicionais ou de organización social, pero moi variados. Xa escribira anteriormente outro libro de contos deste tipo, “O diabo e as cinzas”, pero todos eles con base nas mascaradas.

– ¿Cales son os elementos que unen ás historias deste novo libro?

As tradicións antigas, aínda que son moi variadas e en cada conto, diferentes. Pode ser unha festa, unha mascarada, unha organización social, unha actividade económica… No que chamamos a Terra Quente, baixo o distrito de Bragança, fronte ao Douro, Moncorvo posúe unha actividade importante arredor da améndoa e un dos contos xira arredor diso; mentres que no Douro a vendima é unha tradición moi forte, que implica un traballo moi duro, pero ao final todos os que participan nela, despois da cea, tocan e bailan como se fora unha festa.

– ¿En que lugares se sitúan estes contos? ¿hai algún na Raia?

Algunhas destas historias, aproximadamente media ducia, están relacionadas coa Raia. Por exemplo, unha delas sitúase case en Galicia, no val do río Tuela en Hermisende (Zamora) e en Moimenta da Raia do lado portugués. Hai outros contos que tocan o tema do contrabando que en Alcañizes e noutro pobo do lado portugués do municipio de Miranda e algún que ten lugar un pouco máis abaixo, no río Duero, na parte de Sendín e de Sayago e Rihonor tamén, cunha parte portuguesa e outra española.

Rihonor, que está a metade en Portugal e a outra metade en Castela, é unha aldea de tradicións comunitarias, cun tipo de organización que tiña máis forza no pasado pola necesidade que había, pero que aínda pervive hoxe. Porén, hai actividades que xa non se realizan como a chamada “boiada”, que era o conxunto de todas as vacas, bois e tenreiros da localidade. Os veciños turnábanse e, cada vez, ía un de cada casa e levaba todas as vacas para un pasto comunal. Hoxe non quedan nin bois nin vacas, polo que esa tradición non pode continuar. Igual acontece coas ovellas, co gando. E se as hai son dunha ou de dúas persoas e son elas mesmas as que se encargan de levalas a pastar. Antes cada casa tiña dúas ou tres ovellas ou unha ducia delas, xuntábanse e o pastor comunal levábaas todas xuntas.

 

 

– ¿Cal é a tradición que aparece no conto de Hermisende?

No de Moimenta e Hermisende é a música tradicional da gaita de fol, que é importantísima, e as festas de inverno. Así en Hermisende tamén se facía unha mascarada, o Reinado, a primeiros de ano, da que agora perdéronse bastantes elementos.

– As historias tamén se acompañan de ilustracións…

Si, cada conto ten unha ilustración, de Sara Pereira, unha moza que vén de rematar a súa formación en Belas Artes no Porto. Unha delas é a imaxe da portada do libro, que é precisamente, un gaiteiro de Moimenta e Hermisende.

– A parte da presentación que fará en Lisboa, ¿ten outras presentacións previstas?

Imos facer polo menos unha en todos os municipios do distrito de Bragança, que son doce, porque todos aparecen en, alomenos, un dos contos. Xa fiixemos dúas, unha en Bragança e outra en Mirandela, esta última coincidindo coa feira do libro o 28 de setembro.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button