OurenseÚltima hora

O barrio da Ponte, en Ourense, será o primeiro en usar a enerxía xeotérmica

Hoxe tivo lugar a primeira xuntanza técnica deste proxecto que pretende usar a xeotermia como fonte de enerxía para 35 edificios públicos deste barrio
Na xuntanza participaron 19 integrantes do proxecto así como outros 3 a través de Skype dende Portugal, Reino Unido, Irlanda e Bélxica. 

O Centro de Iniciativas Empresariais do Concello de Ourense acolleu hoxe, 28 de setembro, a primeira xuntanza técnica do proxecto GEOAtlántic, do que a administración local ourensá é promotora e conta cun orzamento de 2.870.000 euros de fondos europeos.

En total participaron 19 integrantes do proxecto, así como outros 3 que o fixeron vía Skype dende Reino Unido, Portugal, Irlanda e Bélxica.

Esta proposta do proxecto GEOAtlántic foi presentada en maio de 2016, sendo seleccionada en agosto deste ano para poder presentar a proposta integrada do proxecto nunha segunda fase. Este proxecto ten unha duración de 36 meses e está subvencionado ao 75% por eses fondos FEDER da Unión Europea. Asemade, está enmarcado dentro do Programa Espazo Atlántico.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, sinalou que “seguimos dando pasos firmes para situar a Ourense como referente único e á vangarda internacional da eficiencia e sustentabilidade enerxética, aproveitando os nosos recursos propios e que nos identifican como cidade”. Segundo explicou o rexedor, este proxecto está radicado no barrio de A Ponte e “favorecerá o aforro enerxético de 20.000 veciños e de 35 edificios públicos”.

Así, esta iniciativa enerxética pretende estudar as posibilidades de desenvolvemento da enerxía xeotérmica no territorio como fonte de enerxía renovable e impulsar proxectos da súa utilización. Se ben ata agora o uso se limitaba á actividade balnearia e ao uso puntual en instalacións, preténdese promover un uso máis extensivo, tanto para calefacción e aire acondicionado como para produción de electricidade.

No programa de traballo inclúese a realización dun análises dos recursos xeotérmicos así como de boas prácticas e innovacións para a súa explotación. Tamén levarase a cabo un programa de accións informativas dirixidas a diferentes grupos: decisores políticos, consumidores e asociacións de veciños, empresas, profesionais, agricultores, etc. Actuarase tamén na transferencia de novas tecnoloxías ao mercado, poñendo en marcha servizos de apoio a emprendedores e PEMES locais para impulsar proxectos empresariais relacionados coa xeotermia.

Outro paquete de traballo enfocarase á planificación enerxética a nivel local e rexional. Porase en marcha un centro de recursos para promover a enerxía xeotérmica en distritos e edificios (calor, frío, electricidade) cun servizo de asesoramento online. Ao remate do proxecto implementarase un proxecto público demostrativo e lograrase un marco político local en favor do aproveitamento enerxético da xeotermia.

Artigos relacionados

Back to top button