OurenseÚltima hora

A CHMS mantén a alerta por seca no sistema do Sil Inferior

Os ríos Cabe-Bibei e Limia tamén conservan este estado e o Miño Baixo pasa de estar en alerta a prealerta. Pola súa banda o Miño Alto e o Sil Superior manteñen a prealerta
Río Sil.

O sistema do Sil Inferior -no que se encontra a comarca de Valdeorras- continúa a manter a alerta por seca a pesares das precipitacións destes últimos meses. Así o anunciou o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín, tras manter a xuntanza da Oficina Técnica da Seca que se reúne unha vez ao mes. Esta situación de alerta é compartida polos ríos Limia e Cabe-Bibei.

Pola súa banda, o Miño Baixo rebaixa a súa categoría a prealerta e o Sil Superior e o Miño Alto mantéñense en prealerta.

O presidente da Confederación Hidrográfica explicou que a finais de xaneiro tiñan que ter caído case 600 litros por metro cadrado e só caeron 435 o que indica que “estamos a un 27% por debaixo da media”, dixo. Con todo, reiterou que “estamos moito mellor” que ao inicio do ano hidrolóxico.

Nese senso, debullou as cifras de precipitacións deste ano hidrolóxico para explicalo: en outubro caeron 26 litros por metro cadrado, cando tiñan que ter rexistrado 148. En novembro 71, cando os rexistros marcaban 145. En decembro mellorou a cousa, xa que se rexistraron 213 litros por metro cadrado, cando os indicadores sinalan que tiñan que ter caído 162. Finalmente, en xaneiro obtívose un rexistro de 108 litros, cando o normal serían 129.

Así é todo, Marín reiterou que finalmente puideron cumprir o Convenio de Albufeira, que establece que a CHMS ten que achegar certa cantidade de auga ao caudal do río Miño. En concreto, no primeiro trimestre do ano tiñan que ter achegado 404 litros e pasaron 506 e, no segundo trimestre, teñen que achegar, como mínimo, 530 e “a data de 4 de febreiro xa tiñan pasado 969 litros”, dixo o presidente.

Previsións

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía, nos vindeiros días vai chover, informou Marín. Por este motivo “febreiro vai ter un nivel normal de precipitacións”, dixo. Así é todo, a perspectiva que establece a Axencia Americana de Meteoroloxía -organismo de referencia para a CHMS- é que vai ser “máis seco do normal”,  aínda que a UE establece que “vai estar dentro da media”.

Artigos relacionados

Back to top button