
Ourense posiciónase como un dos referentes na recuperación da música barroca. Así se deixou de manifesto esta mañá coa presentación do primeiro curso de música antiga que se levará a cabo entre os días 26 e 29 de xullo na provincia coa colaboración do Conservatorio de Música da cidade (CMUS), a Deputación Provincial e o Concello de Monterrei, entre outros. No acto de presentación que tivo lugar no Pazo Provincial estivo o vicepresidente da institución, Rosendo Fernández, o deputado de Cultura, Manuel Doval, a directora do conservatorio, Purificación García, o director do curso, Jorge Fuentes e a profesora de clavecín, María del Mar Blanco.
Fuentes será un dos oito profesores que impartirán a formación aos participantes. Explicou que se trata dunha “interesante” iniciativa que contará con sete especialidades: flauta de pico, traverso, trompa natural, clavicémbalo, oboe e fagot, e que serán impartidas por docentes chegados incluso doutros países, como Portugal e Suíza. “A idea é complementar aquí en Ourense a oferta cultural que xa hai co festival Pórtico”, subliñou.
Pola súa banda, Blanco remarcou a importancia deste tipo de actividades formativas porque o entende coo “divulgación da música antiga en Galicia”. “Temos instrumentos orixinais e queremos facer unha restauración deles”, dicía, e engadía: “o clave, a trompa natural, o traverso… son ferramentas moi diferentes ás que ten un músico clásico”. Tamén apuntaba neste sentido a directora do CMUS, que quixo no entanto agradecer a colaboración da Deputación e dos profesores como impulsores da iniciativa pioneira.
Para Doval, a organización deste curso é a proba de que “seguimos construíndo e mellorando a cultura” e invita ao resto dos concellos da provincia a que tomen conciencia e “se impliquen na educación e, en concreto, no mundo da música”. Unha visión que tamén comparte Rosendo Fernández. O vicepresidente da Deputación entende que “estamos diante dunha nova aposta do ente provincial pola cultura e con visos de mantemento”.
Así, o curso nace coa vontade de regular a súa celebración no tempo e fixala cunha frecuencia anual. De momento, esta primeira edición xa conta con 25 alumnos inscritos e os organizadores agardan que esa cifra se incremente, pois o prazo péchase o vindeiro luns 25. Lembraron que tanto os concertos coma as charlas son gratuítas e vai enfocado a todos aqueles músicos que queiran achegarse ao mundo dos instrumentos antigos pero tamén para aqueles que xa coñezan o eido. É dicir, ofrecerase formación tanto para iniciarse como para niveis de perfeccionamento. Subliñaron así mesmo, que moitos dos instrumentos serán aportados polo propio profesorado debido á dificultade para transportalos.
A programación, que se levará a cabo en tres escenarios -o Centro Cultural Marcos Valcárcel, a Igrexa de Santa María de Gracia de Monterrei e o auditorio do CMUS- será a seguinte:
- 26 xullo
10h. – Apertura do curso, no auditorio do CMUS Ourense.
18h- Charla-Obradoiro “Evolución do s. XVII ao XX”, por Jorge Rentería. No Centro Cultural Marcos Valcárcel. - 27 de xullo
18-19:30h. – Charla-Taller “Cara unha nova clasificación dos claves históricos”, por Carlos Caramés. No Centro Cultural Marcos Valcárcel.
20:15h. – Concerto do grupo ourensán O Pensil Barroco, Ensembles de música de cámara e Luis Martínez Pueyo, con La Guirlande. No Centro Cultural Marcos Valcárcel. - 28 de xullo
20:15h – Concerto de O Pensil Barroco e Ensembles de música de cámara. Na Igrexa de Santa María de Gracia (Monterrei). - 29 de xullo
20:15h – Concerto de clausura e entrega de diplomas. No auditorio do CMUS Ourense.
Texto e foto: Sara Fontenla