Nunca se lle pasara pola cabeza facer un disco, pero o destino púxollo en bandexa. Na primavera do 2022 o pastor e músico Edilberto Rodríguez, natural de Pombriego (Cabreira leonesa) recibía o Premio MT da Música Tradicional do Reino de León na categoría de Xove Valor. O premio era realizar un disco, algo inesperado pero recollía con gran ilusión xa que, ao mesmo tempo, permitíalle reunir, difundir e compartir unha tradición musical que recollía das persoas de máis idade da comarca da Cabreira leonesa, xunto a outros membros da Asociación Aires del Cabrera.
Este disco, titulado “N’el arca d’os mieus recuerdos”, xa é unha realidade e vén de ser presentado en Benavente (Zamora). Reúne unha trintena de temas tradicionais da zona da Cabreira e, ademais deste mozo entusiasta das tradicións, participan cinco integrantes da Asociación Aires del Cabrera: Caterina González, Natalia Otero, Dori Barrio, Rocío Blanco, Ana María García (voces) e Graciela Rodríguez (á gaita).
A intención de Edilberto Rodríguez, cantante, pandeireteiro e danzante, é facer presentacións deste disco na súa comarca natal, pero polo de agora non hai datas concretas. “Iranse anunciando a medida que se vaian facendo”, adianta.
– ¿Como nace o proxecto deste disco? ¿cales son as motivacións que hai detrás del?
Nunca imaxinara facer un disco, pero no momento no que me deron o Premio ao Xove Valor collino con moita ilusión e a miña pretensión con el é pór en valor a nosa música tradicional e a nosa cultura.
– ¿Como está estruturado este traballo?
O disco contén 29 temas, todos de música tradicional da Cabreira leonesa, a súa presentación segue o ciclo do ano, comezando polo Entroido. Na nosa comarca cada ciclo ten o seu cantar ou a súa canción, entón realicei unha selección dos temas que máis me gustaban ou que consideraba máis representativos de cada época do ano e así cheguei a eses 29. Hai cantares de malla, de sega, das vodas, logo xa os bailes típicos de aquí como a jota, a muiñeira, os corridos… e a maiores fago unha explicación de cada tema.
A portada fíxoa María Esther Blanco, que é de Marrubio, e tamén se inclúe un libreto coas persoas coas que eu aprendín ou as que a min máis me transmitiron. A verdade é que é un traballo que penso que quedou moi completo.
– ¿Que voces e instrumentos aparecen no disco?
A maioría das cancións son de voz e pandereita, pero tamén se inclúen outros instrumentos como é a gaita, a chifra e o tamboril, tan representativos da nosa zona. Cántoas eu, pero tamén hai temas nos que cantan soas cinco mulleres da asociación, outras que cantamos xuntos. Fixen este disco con elas porque son mulleres da Asociación Aires del Cabrera do pobo de Pombriego, que o vindeiro ano 2024 cumprirá unha década. Este disco é o reflexo do traballo de recompilación e de documentación do folclores da nosa zona que levamos feito ao longo destes anos.
– ¿A quen está dedicado este disco?
Ás persoas maiores que nos transmitiron o seu saber, se non fora por eles hoxe non estaríamos aquí. É un legado que nos deixaron e que estamos mantendo e por iso vai adicado a eles.
Eu tamén colaboro coa asociación AFABierzo, con sede en Ponferrada, en apoio ás persoas con Alzhéimer e xa que o disco se chama “N’el arca d’os mieus recuerdos” e vai dedicado aos nosos maiores, pois eu sentía que debía colaborar con esa asociación para devolverlles un pouco o que nos deron a nós os nosos maiores. Penso que esa asociación realiza un gran labor con esta enfemridade e eu sentía que tiña que colaborar con iso.
Texto: A.R.
Fotos: Asociación Aires del Cabrera de Pombriego.