CulturaCulturaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Julio Mourelo reivindica a memoria do Barco e as súas tradicións no pregón do Cristo 2023

"¿Que se sabe da enxerta, dos cesteiros, da pesca con rede no río, dos caneiros...? Quero facer un chamamento a que conservemos todo o que se poida e que se comparta", dicía este barquense nunha ateigada praza Maior da vila

 

Cun “cariñoso recordo” aos barquenses que tiveron que deixar a vila “buscando unha vila mellor”, e que volven cando poden, e a aqueles que xa non están comezaba Julio Mourelo Fulgueral a súa intervención como pregoeiro das Festas do Cristo 2023. Facíao ás 21h. cunha praza Maior ateigada de veciños, amigos e familiares que seguían un emotivo pregón sementado de recordos de recordos dun barquense que ama ao seu pobo e interrompido polos aplausos.

Tirando do fío das lembranzas, Mourelo falaba en primeiro lugar a figura dos antigos pregoeiros “persoas que percorrían as rúas das localidades axudándose dun cornetín para dar a coñecer bandos de tipo municipal, publicidade comercial e outros”, cunha referencia concreta ao que había no Barco nos anos 50: “O Ojea”. E a partir de aí achegábase ás festas e á historia recente do Barco dende a súa visión como neno, mozo e logo como adulto, se ben centrábase de xeito especial nos anos 50 e 60.

Mourelo medraba na zona vella do Barco, na rúa San Mauro ou Oscura e tamén na rúa Real. Un tempo especial na súa nenez e adolescencia era o verán, coa referencia ineludible do Sil. “Era un dos puntos de encontro para pasalo ben. Nel aprendimos a nadar nenas e nenos de moitas xeracións, nos diferentes pedregais que había desde O Retorno ata os Barroncos ou mesmo no areal que se formaba á desembocadura do arroio en Viloira. Tamén, era tradicional ir en familia ou en grupo de amigos os Domingos e festivos, a merender ás marxes do mesmo”. Citaba os nomes das barcas coas que desfrutaba das augas deste río, primeiro a Gaviota e despois a Sayonara.

 

 

Tamén aludía á súa paixón pola música, contando como alá polo ano 1961, xunto a outros mozos da súa idade, creaba unha rondalla, que tomaba o nome doutra existente antes da guerra civil, “Airiños do Barco” e que mesmo actuaba nas Festas do Cristo. E sobre esta celebración en si, explicaba o pregoeiro como axudaba nesas datas do Cristo aos seus pais na churrería, “aínda que á hora da procesión acudía a ela, pois gustábame”. E describía como eran, aos seus 14 anos, esas Festas do Cristo, cuxo centro neurálxico estaba na praza Maior, no Porto da Barca e a plazoleta situada á subida do Malecón con dirección á praza Maior. Tamén das actuacións musicais propias do Cristo.

 

 

“As Bandas de música, militares ou municipais, sempre me apaixoaron. Recordo cando comezou a vir a militar do Rexemento San Quintín núm. 1 de Valladolid. Esta que viña en tren, o 13 de setembro pola noite e sobre as 12 aproximadamente, facía a súa entrada na praza Maior, desfilando marcialmente ao son da correspondente marcha. Á fronte dela ía un tenente moi alto que é quen dirixía (o seguinte ano xa veu de Capitán) e ao seu lado, marcando o paso, ía Ricardo Rodríguez Rivas ao que chamabamos “O Tarira”, e era xente de Policía Local. Ese paseíño repetíao no percorrido que facía a citada banda, polas rás o día 14 ou día do Cristo”.

Por suposto Mourelo falaba da novena que marcaba o inicio da festa e da procesión do Nazareno, “que revestía gran solemnidade”, tamén dos fogos artificiais ou das escasas atraccións existentes daquela para os máis pequenos, como eran as lanchas do “Gallufo”. E ao medrar, as festas ían vinculadas para el ao baile. “Daqueles bailes sairon moitos matrimonios e o meu foi un deles, e que xa dura 54 anos”, matizaba referíndose a súa esposa Marta.

 

 

O cine ou os deportes eran outros ingredientes daquelas antigas festas do Cristo, e en concreto, mencionaba a celebración na praza Maior nunha ocasión dun partido de hochey sobre patíns ou o descenso do Sil, no que facía un recoñecemento ao barquense Alfredo Fernández Fernández, “que a pesar da súa cegueira foi un loitador incansable na posta en marcha desta actividade”. E iso sen esquecer á iluminación que adornaba a praza Maior e tamén a igrexa de San Mauro. “A porta de entrada, como as dúas xanelas principais, estaban circundadas por uns arcos de madeira, nos que estaban inseridas lámpadas de cor branco; estes marcos, foran confeccionados por D. Ángel Pérez del Río, empresario do mundo da electricidade, e ao comezo do novenario, xa se colocaban na citada fachada, permanecendo nela ata finalizar a festa”.

Julio Mourelo citaba ademais a celebración do xa desaparecido “Día de Valdeorras”, “con actuacións de música e baile rexional e produtos da terra. Os seus comezos foron na praza de Viloira, logo trasladouse ao Malecón, pero durou poucos anos”.

 

 

E ao mesmo tempo que ía mudando e medrando O Barco, comproaba que tamén o facían as súas festas e costumes. “Tamén me decatei de que ás veces os maiores van desaparecendo, están a perderse antigos oficios, que forman parte do noso patrimonio inmaterial, e que son parte da nosa historia pois… ¿que se sabe da enxerta, os cesteiros, a pesca con rede no río, os caneiros…? Dende aquí quero facer un chamamento a que conservemos todo o que se poida e que se comparta pois, co tempo, darémonos conta de que mereceu a pena”.

 

 

E finalizaba cun desexo: “que sexan estas as mellores festas que goce O Barco, que se graven na memoria de todos para o seu recordo alivie a morriña dos que terán que irse de novo e anime, aos que quedamos, a seguir traballando xuntos, a aparcar as diferenzas para conseguir unha vila máis habitable e feliz”.

 

 

Presentado por Blas Eceiza

A intervención de Julio Mourelo viña precedida pola proxeccion dun vídeo que recollía testemuños sobre o pregoeiro da súa familia, así como de persoas cercanas de entidades como Cáritas do Barco, que presidiu durante 13 anos, ou do Coro parroquial de Viloira ou do Orfeón Valdeorrés, das que formou parte, así como fotos da súa nenez e mocidade.

Despois era presentado por un amigo dende 1968, Blas Eceiza, tamén compañeiro na Confraría Xesús Nazareno do Barco. “Con Julio compartín momentos de reflexión e de ocio, paseos cruzando o Sil na súa barca Sayonara. É unha excelente persoa e cun gran sentido da responsabilidade”, destacaba. Tamén se refería ao feito de poder “compartir con el este acto do pregón coincidindo co 50 aniversario da imposición da medalla da vila ao Nazareno, un 14 de setembro de 1974”.

O acto do pregón remataba coa entrega dun agasallo ao pregoeiro por parte do alcalde do Barco, Alfredo García, e da concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta. Despois Julio Mourelo procedía ao chupinazo.

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button