En portada

“Lobos sucios” abrirá o pano dun OUFF con novidades

Na súa vinte edición este certame apostará por converterse no “referente audiovisual de Galicia e do Norte de Portugal”
Acto de presentación do XX OUFF.
Acto de presentación do XX OUFF.

Máis de 60 títulos de 16 países, máis de cen sesións de filmes de animación, comedia, drama, thriller… Na súa vixésima edición o Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) chega con novidades e apostando por converterse nun “referente do audiovisual de Galicia e do Norte de Portugal”. Así se destacaba na presentación do programa deste certame, que tiña lugar na mañá do 9 de novembro no Centro José Ángel Valente. O primeiro en plantexalo era o alcalde de Ourense, Xesús Vázquez, quen ademais lembraba o inicio deste evento. “Dende os primeiros pasos deste festival en 1995 ata hoxe, teñen pasado por Ourense películas de primeirísimo nivel e o público apreza e valora a oportunidade de ver este cine”. Tamén agradecía o apoio das entidades e empresas colaboradoras e resaltaba que esta é a edición que “conta cun maior apoio por parte da iniciativa privada”.

O rexedor ourensán, que estivo acompañado pola concelleira de Cultura, Belén Iglesias, tamén se refería a tres das novidades desta edición: a descentralización da programación con cine infantil nos barrios da cidade, a creación dun espazo de coprodución entre Galicia e o Norte de Portugal e o feito de contar cun plató de televisión virtual (coa participación da Televisión de Galicia) que se instalará no Centro Ángel Valente durante dous días.

De seguido, tomaba a palabra o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e incidía en que “entre todos estamos alumeando unha realidade consolidada como é o Festival de Cinema de Ourense, que non só se queda aí, pois é tamén o festival de cinema de Galicia e da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”. Interviña así mesmo o director da Agadic, Jacobo Sutil, quen subliñaba “o labor de promoción da sétima arte que vén realizando o festival nos seus vinte anos de traxectoria” e aludía á “sinerxia de traballo conxunto entre a Agadic e o OUFF”.

Este acto contaba tamén coa presenza do subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro; co director territorial de Abanca, Rubén Saavedra; co delegado de Gas Natural Fenosa en Galicia, Manuel Fernández; co director de programación do OUFF, César Silva, e coa directora do festival, Nora Sola, que foi ademais a condutora da presentación e a encargada de desgranar os principais contidos desta edición do certame.

Nora Sola comezaba dando a coñecer os nomes dos membros do xurado deste XX OUFF (integrado por Frank Feys, Araceli Gonda, Alexandre Powelz, Marta Figueras e María Vázquez) e enumerando as dez longametraxes que competirán polos premios da sección oficial, das que dúas delas serán por vez primeira documentais: “Bridgend”, “The Sinking of Sozopol”, “La vida después”, “Dark Horse”, “La novia”, “Bambanti”, “El comienzo del tiempo”, “La decisión de Julia”, “Techo y comida” e “Killing Time”.

Asemade resaltaba a calidade da película que abrirá o festival, “Lobos sucios” do director coruñés Simón Casal. Esta cinta rescata na súa trama a explotación do wolframio nas minas dos concellos mais orientais da provincia de Ourense, en concreto na comarca de Valdeorras, durante a Guerra Mundial. Está baseada nun documental homónimo do valdeorrés Felipe Rodríguez, que é ademais co-guionista da película.

A directora do OUFF detallaba así mesmo as diferentes seccións desta edición como “Inédito en Ourense”, “Documentais”, “Panorama Galicia”, “Cinemas de Galicia”, “Cine e viño”, “Sesións especiais” e “XX Anos”. Tamén mencionaba as variadas actividades paralelas: o certame “Ouff Escola” (ao que se presentaron 124 traballos de escolares galegos), “Cine por barrios” (con proxeccións na sociedade Albor, de O Couto; o centro cívico de A Cuña e o Espazo Lusquiños), obradoiros infantís, a presentación do DVD de “A Esmorga”, concertos… E, por suposto, anunciaba aos premios do festival, entre eles o Cidade de Ourense, e a película de clausura, “Tercer grado” de Geoffrey Cowper e entre cuxo reparto está a actriz ourensá Sara Casasnovas.

Artigos relacionados

Back to top button