CulturaCulturaÚltima hora

Manuel Buciños, distinguido co XXXIX Premio “Celanova, Casa dos Poetas”

 

O xurado do XXXIX premio “Celanova, Casa dos Poetas”, presidido por Antonio Puga Rodríguez, vén de concederlle este galardón a Manuel García Vázquez, coñecido artisticamente como “Manuel Buciños”. O xurado tomaba esta decisión tras ter deliberado sobre as propostas internas presentadas e valoradas as súas traxectorias vitais no campo da defensa da cultura galega e de Galicia (tal e como recollen as bases) e por unanimidade acordaba concederllo ao citado artista.

O motivo, “a súa longuísima traxectoria no cumio principal da arte escultórica galega, como transformador que ten sido das formas lisas e apacibles da madeira, o bronce e a pedra, que se mimetizan subliminalmente coas da nosa propia orografía das nosas serras e das que emerxen figuras que transmiten sensibilidade e harmonía dun xeito tan personal que resulta imposible admirar algunha das súas obras sen esclamar interiormente: “Esa é de Buciños!”. Manolo Buciños, aínda que acabou convertendo o nome do seu lugar de nacencia –é dicir, a aldea de Buciños (Carballedo – Lugo)- no seu propio apelido artístico, por decisión propia e comprometida é hoxe en día un ourensán máis que ten contribuído a elevar a arte escultórica ourensán ós máis altos niveis de calidade da escultura galega”, segundo facía público neste sábado o xurado do premio.

A Fundación Curros Enríquez mantiña, “sen dúbida, unha eiva aberta sen a presencia de Manolo Buciños no cadro de honra do seu Padroado e quixo saldala definitivamente neste ano no que se cumpre o centenario da declaración da Capela de San Miguel como Monumento Histórico Nacional, coa incorporación do autor da fermosísima escultura do fundador de Celanova, San Rosendo, a ese prestixioso cadro de honra”, aseguran dende esta entidade.

O Padroado da Fundación Curros Enríquez reuniuse coa presenza de representantes do Concello de Celanova, da Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades, da Deputación Provincial de Ourense, da Real Academia Galega e outros patróns a título individual, co fin de aprobar as contas e actividades de 2022, planificar as actuacións para 2023 así como acordar o orzamento anual que aportan en distintas proporcións algúns dos patróns institucionais como o Concello de Celanova, a Deputación Provincial de Ourense e a Consellería de Cultura. Con esta reunión tamén se renova o compromiso de colaboración na organización de actividades conxuntas a nivel expositivo ou de promoción dos autores de Celanova por a parte de aqueles patróns que non aportan cantidades concretas ó orzamento ordinario da Fundación como o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

 

O artista homenaxeado, Manuel Buciños./ Cedida.

 

Como valoración do ano 2022, destacouse ás máis de 13.700 persoas atendidas pola Fundación Curros Enríquez, resultado motivado nas actividades e servizos que a entidade desenvolveu en diversos lugares como son a Casa dos Poetas, o Mosteiro de San Rosendo e a Torre de Vilanova dos Infantes e que volven ós resultados de antes da pandemia. Destacando en especial a recepción de case máis de douscentos grupos concertados entre escolares, asociacións e axencias de viaxe, entre os que destacaron a presencia de grupos de escolares de primaria e infantil para os cales se adaptou a oferta creando, entre outras iniciativas, un contacontos con órgano e promovendo o xogo de pistas na casa familiar de Manuel Curros Enríquez.

Ademais de retomar o programa escolar “Ven coñecer a Celanova de Curros e Celso Emilio”, a Casa dos Poetas acolleu xa normalmente exposicións, presentacións de libros, conferencias e proxeccións que enriqueceron a proposta cultural da vila ó longo de todo 202. A mesma liña de actividades vaise manter para o 2023 no que novamente se realizarán presentacións de libros, acolleranse exposicións temporais, terán lugar celebracións de eventos relacionados co mundo literario, musical e audiovisual e de actividades para os máis pequenos da vila como obradoiros.

Durante este ano prevese manter o excelente resultado en canto a visitantes que rondaba os 10.000 anuais, do cal é unha mostra os 50 centros escolares que xa teñen soicitada a súa participación no programa “Ven coñecer a Celanova de Curros e Celso Emilio”. Pensando nos escolares, ademais do crecente interese polas actividades de natureza como é a realización de roteiros, prevese que en 2023 se redefina a “Ruta Currosiana” cuxo trazado se vira afectado tras a construción da autovía. Tamén se tomará un ímpulso na edición da obra de Manuel Curros Enríquez para a súa divulgación.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button