Miguel Anxo Fernández, máis coñecido como Manxo, naceu fai 48 anos en Vigo. Actualmente reside entre Cangas do Morrazo e a capital olívica, pero dende pequeno sempre sentiu unha forte conexión coa localidade de Bidueira, no concello ourensán de Manzaneda. “Tanto a miña nai como o meu pai son de aquí e veño sempre en vacacións” comenta Manxo. “Sempre tiven unha relación sentimental coa aldea e coas súas xentes, ás que considero practicamente como familia”, prosegue.
A pesar de que non o considera un traballo profesional, Manxo Fernández ten unha importante traxectoria no mundo audiovisual como director, guionista, fotógrafo e montador. Un “laboratorio de ideas”, de nome Furancho Filmes, encárgase de levar os seus proxectos a produtoras máis grandes que o fan realidade. Durante a súa traxectoria, realizou varios videoclips, documentais e unha curtametraxe de western contado á galega, “Naipe de Sangue”.
– Como unha persoa da cidade pero que está moi ligado a Bidueira, ¿pensas que podería revalorizarse o rural como lugar de residencia permanente?
A situación non é nada fácil. Polo de agora eu non podería vivir aquí porque non tes onde traballar, todo está bastante a desmán e non é comodo. Eu teño algo de internet na miña casa pero, por exemplo, non chega para ver vídeos. Ás veces baixo a Manzaneda, tomo un café e cargo os capítulos para ver pola noite. Todo isto é unha pena porque esta zona poderíase revalorizar moitísimo, especialmente no tocante ao turismo. A xente si ten interese pola zona, pero falta traballo publicitario e de infraestruturas.
– ¿Dedícaste exclusivamente ao audiovisual?
Eu traballo nunha empresa de automoción. O tema audiovisual non quero tomalo como un oficio porque é algo que me gusta e quero ter a liberdade de facelo como queira. Non son profesional pero cada vez que fago algún proxecto o fago a través dunha produtora e un equipo profesionais.
– ¿Qué é Furancho Filmes?
É unha especie de semiprodutora que montei co meu socio, José Ballesta. Máis que produción, xeramos ideas e ofrecémosllas a unha produtora para levalas adiante. É como un grupo creativo. O nome “Furancho” vén do cabalo que saiu na nosa curtametraxe “Naipe de Sangue”. Gustounos e quedámonos con él.
– ¿Cómo xurdiu a idea desta curtametraxe, “Naipe de Sangue”?
Estabamos a facer un documental sobre Marcial Lafuente Estefanía, que é un famoso autor de novelas western que comezou a escribir nunha editorial de Vigo. A partir desta idea comezamos a traballar nun documental e para ilustralo queríamos incluír fragmentos de películas do oeste sen dereitos. Entón dixemos: “E por qué non facemos nós un corto western e o metemos?”. A idea foisenos das mans e acabamos realizando unha curtametraxe de 45 minutos. Neste caso eu traballei como director e montador.
– ¿Como foi a experiencia de rodaxe?
Foi a primeira vez que traballábamos ficción. Os actores protagonistas foron Silvia Superstar, de The Killer Barbies e Eladio Santos, de Eladio y Los Seres Queridos. É o proxecto no que o equipo deu máis de si e deixounos a todos flipando. Nun documental todo depende máis de ti mesmo, pero en ficción o equipo é inmenso e para cada escena tes que contar con moita xente. Rodámolo case todo en Galicia, na zona das Rías Baixas para simular o deserto coa praia. Foi moi complicado por temas do clima porque queríamos que fixese sol e dese sensación de calor, polo que as horas de grabación multiplicáronse. Unha escena dun poboado grabámola en Benidorm, tivemos que desprazarnos todos ata alí nunha sesión que durou dende ás 8h ata ás 3h da mañá, case sen comer. A curtametraxe deu moito curro e precisamente por iso, foi unha experiencia moi emotiva.
– Definiches esta producción como un “grelos western”.
O termo é noso e está patentado. Foi máis ben como unha broma porque non era un espagueti western, non era un chorizo western… Non pretendíamos establecer un xénero pero si que tentamos darlle á curta un toque máis galego na forma de contar a historia. O cabalo chámase Furancho, por exemplo, tamén hai música de pandeiretas e alalás…
– ¿Que influencia ao teu cine?
Eu, máis que referentes concretos, penso en contar cousas. O que me motiva é contar cousas dunha forma diferente e integrar aspectos distintos. Por exemplo, fixemos un documental sobre o campo de concentración de Camposancos (A Guarda) e conseguimos facer dun tema duro e serio algo moi emotivo. A día de hoxe, moitos anos despois de facelo, todavía nos chaman para presentalo.
– Tamén traballaches no mundo musical gravando varios videoclips.
Sí, fixemos un para a canción “Queen Bitch”, que foi o segundo single do proxecto en solitario de Silvia Superstar, de The Killer Barbies. Silvia actuou na curtametraxe e traballou o triple do que nun principio se pensaba, así que o fixemos nunha tarde como forma de agradecemento. O videoclip grabouse en condicións bastante patéticas pero quedou moi xeitoso. Tamén traballei con Aerolíneas Federales, cando volveron cun recopilatorio de temas inéditos. Fixemos un videoclip para a canción “No me robes el corazón” que consistía nunha montaxe rápida de diversas películas que xa perderan os dereitos de autor. Con este grupo tamén tiñamos un proxecto de facer un documental sobre a súa traxectoria. Tiñamos horas e horas de conversacións pero ao final non atopamos o punto para facelo interesante e quedou no aire.
– ¿Como ves a cuestión audiovisual en Galicia?
Galicia é unha canteira bestial. Hai xente moi preparada e formada. A producción propia de series de televisión penso que quizais sexa o que máis está despuntando actualmente. Galicia ten moito peso pero ás veces da a sensación de que queremos facer cousas como as que se fan fóra, sen aproveitar todo o potencial que temos, xa non só a nivel paisaxístico senón tamén a nosa idiosincrasia. O audiovisual é caro e non sempre estivo ben xestionado dende o punto de vista público, que en ocasións parece que busca máis a rendabilidade que o talento. De todas formas eu sempre traballei por libre e non estou metido no negocio.
– ¿Tes algún proxecto en mente a corto ou medio prazo?
É cuestión de que aparezca algo. Fai un par de meses, falando co meu socio sí que pensamos en facer algo etnográfico sobre o Morrazo e a zona de Cangas. É unha época complicada, polo traballo e a economía. Non sei por onde sairá a cousa, pero algo faremos.
Texto: Víctor Santos.
Fotos: cedidas.