ConcellosÚltima hora

Medio Rural destina 3,6 millóns para mellorar as comunicacións do rural ourensán

Os alcaldes da provincia reuníronse coa Conselleira, Ánxeles Vázquez, na sede da Xunta en Ourense, para coñecer polo miúdo este plan e outras liñas de financiación municipal

Os alcaldes da provincia mantiveron hoxe, 6 de xuño, unha xuntanza coa conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez, que lles presentou o Plan Marco “para a fixación de poboación”. Segundo estableceu a máxima responsable do medio rural da nosa comunidade, esta é a primeira provincia que visita para presentar este plan económico. Estas liñas de axudas teñen “como fin primordial”, dixo a Conselleira, o desenvolvemento económico e “con posibilidades de acadar aínda un mellor nivel de vida no rural galego”.

A Xunta de Galicia vén de presentar este plan de fixación de poboación no rural, que son máis de 230 millóns de euros e aí, estableceu Ánxeles Vázquez, “entra a cohesión territorial”. Este punto, denominado “Plan Marco” é o que trataron os alcaldes do rural coa Conselleira. O plan ten unha dotación de seis millóns de euros para toda Galicia e, para Ourense, son preto de 3,7 millóns de euros, cifrou Vázquez.

En canto aos criterios de distribución de fondos, a conselleira do Medio Rural explicou que “se acordan tamén coa FEGAMP” (Federación Galega de Municipios e Provincias) e asegurou que todos os concellos que queiran solicitar estas axudas poden facelo e ademais trasladoulles que “son subvencionables ao 100% por parte da Consellería”, exceptuando o IVE. Nesta xuntanza, presidida tamén pola delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e polos técnicos da Consellería do Medio Rural, presentáronlles tanto as contías como as distintas opcións que hai de diferentes programas que tamén leva adiante a Consellería.

En canto ao destino das axudas, estas están centradas sobre todo nas comunicacións, é dicir, para a mellora, ampliación ou desenvolvemento de vías de comunicación “que son imprescindibles para que a xente estea, viva e se desenvolva no rural”, dixo a Conselleira. Porque o obxectivo que se marcou a Xunta, a través desta Consellería, é o de mellorar, non só as comunicacións coas vivendas, senón tamén coas explotacións agrarias e no ámbito forestal: “sabemos que os camiños son moi importantes para previr os incendios”.

Incendios

A piques de comezar a campaña dos incendios, a Conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, asegurou que, “se facemos unha media nos últimos anos, diminuíu considerablemente o número de incendios como o número de hectáreas”. Este é, precisamente, o obxectivo que dende Medio Rural se marcan para esta campaña, “o de seguir diminuíndo o número de incendios e o número de hectáreas”.

Dende a Consellería dirixida por Ánxeles Vázquez  “xa estamos traballando con antelación” xa que este verán pasado “foi un verán moi seco e este inverno foi tamén moi seco, sabemos que estamos en prealerta” entón xa están a organizar todo. Esta campaña, dixo a Conselleira, contan cun dispositivo de máis de 7.000 persoas e “continuamos facendo todo o posible para que todos traballen nas mellores condicións”. Asemade, engadiu que este ano xa non tiveron que asinar os concellos o convenio coa Consellería de Medio Rural para ter as cuadrillas anti-incendios, senón que xa este convenio é de tres anos.

Así é todo, Ánxeles Vázquez apelou á “conciencia cidadá”, é dicir, que os cidadáns chamen por teléfono e denuncien a situación. Asemade, recalcou a colaboración entre institucións: “os concellos saben que teñen a obriga das franxas de xestión”, é dicir, que os cidadáns cumpran co desbrozado deses 50 metros que hai que ter limpos ao carón de calquera explotación ou vivenda. Asemade, anunciou que a Consellería, a través da Delegación Territorial de Ourense, ten un plan especial de pastos que, aparte de dar economía, “van ser capaces de frear os incendios”.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button