O clube alpino “Montañas de Trevinca” celebra a efeméride do Día Internacional das Montañas 2023 e recorda que este ano o lema promovido polas Nacións Unidas é o “da súa protección e a sensibilización sobre a relevancia dos ecosistemas de montaña demandando solucións, mellores prácticas e investimentos que fagan a estes entornos resilientes e reduzan a súa vulnerabilidade”.
Neste senso, este club valdeorrés emite o seguinte comunicado que reproducimos íntegro a continuación.
BELEZA, COÑECEMENTO E AVENTURA NOS CUMIOS
Para Montañas de Trevinca, o Día Internacional das Montañas é unha data especial que invita a reflexionar sobre a importancia destas maxestuosas paisaxes nas nosas vidas. Por iso cómpre destacar a súa beleza natural e o seu papel fundamental no equilibro ecolóxico do noso planeta pois os cumios impoñentes, os vales profundos e a diversidade de flora e fauna que albergan son un tesouro que debemos protexer e preservar para as xeracións futuras.
Doutra banda, hai que resaltar o esprito de aventura que as montañas despertan nas persoas pois a práctica do alpininismo, escalada ou sendeirismo serve para conectarnos coa natureza e supón un desafío físico e mental que brinda a oportunidade de experimentar a sensación de liberdade e superación.
Por iso, nun día como hoxe, anima aos amantes da montaña (tamén de Trevinca) a disfrutar do seu esplendor a respectar a súa fraxilidade e a comprometerse coa súa conservación. Porque o desexo é que cada paso na montaña sexa un tributo á súa grandeza e un recordatorio da nosa responsabilidade como guardiáns desde invaluable patrimonio natural.
“Montañas de Trevinca” enorgullécese de formar parte desta celebración e reafirma o seu compromiso para conseguir que os cumios máis altos de Galicia cheguen a converterse no sétimo parque natural de Galicia.
“Por ser a cima máis alta e un patrimonio e símbolo de todos dos demáis cumios da nosa terra. Por ser o único conxunto montañoso con alturas superiores aos 2.000 metros. Por ser o conxunto glaciar máis importante de España despois dos Pirineos. Por ser un territorio de importante e recoñecida biodiversidade. Por estes e moitos outros motivos Pena Trevinca e a súa contorna debe declararse parque natural”, afirma Antonio Fernández (Cholo), presidente do clube alpino “Montañas de Trevinca”.
Neste senso a entidade considera que, logo de reunirse en datas recentes con todos os grupos da Cámara galega é o momento de que a Xunta de Galicia entre a valorar a importancia do protección do macizo a nivel natural, económico e social e anuncia que seguirá a traballar, sen prisa pero sen pausa, para que este soño, que tamén é ambición, chegue a converterse en realidade.