ConcellosÚltima horaVilamartín

Novas escavacións e labores de consolidación no Castro de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras)

Comezan o día 12 de xuño e continuarán ata o 30 do mesmo mes, cun horario de visitas de 10h. a 16h.

Visita guiada nun ano anterior ao xacemento de Valencia do Sil./ Cedida.

 

Un ano máis volven as escavacións arqueolóxicas ao Castro de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeoras). Ademais desta volta faranse tarefas de consolidación e posta en valor do xacemento a iniciativa do Concello de Vilamartín de Valdeorras. “Este ano os traballos de investigación incluirán unha consolidación e posta en valor das estruturas que xa están á vista”, afirma Carlos Tejerizo, director da intervención, en mans de Sputnik Labrego. “Isto permitirá que o asentamento de Valencia do Sil sexa visíbel e poidan quedar á vista as estruturas arqueolóxicas sen que se produzan danos aos bens”.

Ademais os traballos centraranse noutras zonas inexploradas do lugar, realizándose novas escavacións arqueolóxicas en diferentes puntos do sitio que permiten observar os límites do xacemento, así como a importancia deste enclave tardorromano. “As catas arqueolóxicas propostas permitirán observar a complexidade do sitio e a existencia doutros barrios asociados á vida cotiá vinculada ao final do Imperio romano”, indica Tejerizo.

Para estes traballos tamén se terá o apoio da Universidade de Santiago de Compostela a través da escola de prácticas do Máster de Arqueoloxía. “Como cada ano o alumnado do máster participará a través do convenio entre o Concello de Valdeorras e a Universidade”, indica Celtia Rodríguez, co-directora da intervención. “O Castelo é un referente arqueolóxico”, engade Tejerizo. “Algúns dos alumnos de prácticas volveron ao xacemento anos máis tarde para ver os avances e visitar a zona, que lembran con moito cariño”.

Outra das novidades deste ano será a divulgación do valor deste xacemento entre os cativos. “Durante os traballos desenvolvemos os Obradoiros de Arqueopeques, que permiten aos máis pequenos achegarse dunha maneira directa co patrimonio e ca arqueoloxía”, adianta Celtia Rodríguez “Pensamos que é fundamental que os nenos de Valdeorras, que son o futuro da comarca, sexan partícipes destes traballos, e que mellor maneira de facelo que xogando a ser un ‘arqueopeque’ por un día?”.

O equipo arqueolóxico invita a asistir a todo aquel interesado nestes traballos que comezan o día 12 de xuño e continuarán ata o 30 do mesmo mes. O horario de visita é de luns a venres de 10 da mañá a 16h da tarde. Estes traballos están financiados polo Concello de Vilamartín de Valdeorras, co apoio do grupo Sputnik Labrego, a empresa Tempos Arqueólogos, o Instituto de Estudos Valdeorreses e a Universidade de Santiago de Compostela.

Artigos relacionados

Back to top button