En portadaEntrevistasÚltima hora

“O 70% dos asistentes ao I Foro do Camiño de Inverno por Valdeorras son profesionais do sector turístico”

Cristina Núñez Prada é a técnica da Asociación Ruta do Viño de Valdeorras, promotora da iniciativa que remata mañá coa coa segunda xornada na Rúa

Cristina Núñez Prada, técnica da Ruta do Viño de Valdeorras./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Dar a coñecer a contorna de Valdeorras e a súa paisaxe, “e achegarnos á súa historia a través do mundo do viño utilizando o Camiño de Inverno como elemento vertebrador” é, segundo o presidente da Asociación Ruta do Viño de Valdeorras Joaquín Sánchez, a pretensión do Foro Camiño de Valdeorras ‘Camiño, paisaxe e viño nas terras do Sil’ organizado pola entidade en colaboración cos Concellos do Barco e da Rúa, cuxa primeira edición remata mañá, coa segunda xornada de traballo a partir das 10 horas, no Centro Cultural Avenida da Rúa. Baixo o título ‘Viño, tradición e historia no Camiño de Inverno por Valdeorras’, o acto inaugural contará coa presenza do presidente da Ruta do Viño, Joaquín Sánchez; da presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Inverno a Santiago por Valdeorras, Asunción Arias; do presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando; e do alcalde da Rúa, Álvaro Fernández.

Como técnica da Ruta do Viño de Valdeorras, Cristina Núñez Prada leva o peso da organización do foro, aínda que recoñece que tivo moita colaboración por parte da Oficina de Turismo do Barco na persoa de Diana Ramos “porque son moitos detalles a ter en conta sobre todo ao ser a primeira vez que se fai”, di Cristina, facendo unha valoración moi positiva da acollida que está tendo a iniciativa.

¿Como xurde o Foro Camiño de Inverno por Valdeorras?

A idea xurdía do concelleiro de Turismo do Barco, Eladio Santos, a raíz da publicación das axudas do programa ‘O Teu Xacobeo’. Queriamos presentar un proxecto para promocionar o enoturismo e tamén as covas de Valdeorras, e como consideramos que tanto a comarca como a Ruta do Viño están aínda dando os primeiros pasos nese sentido, quixemos traer a xente de fóra con proxectos moito máis maduros, como Alexandra Seara, xerente Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra ou Isabel García, responsable técnica da Ruta del Vino y Cava Ribera del Guadiana, para que nos amosaran como traballaron e que proxectos levan adiante para ver outros modelos de xestión. En realidade xa está todo inventado e o que se pode facer é coller ideas e adaptalas a esta zona.

 

Cristina Núñez no seu posto de traballo, no Barco./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

O sábado 8 de outubro celebrouse a xornada de traballo no Barco e mañá será a da Rúa. ¿Como está sendo a acollida?

Pois a verdade é que moi boa. Estamos bastante satisfeitos co resultado do primeiro seminario, a ver como vai o segundo pero hai bastante participación. Puxemos como tope 30 prazas porque a xente non adoita ser moi participativa neste tipo de actividades pero si tivo boa acollida, de feito no Barco cubríronse todas e na Rúa tamén temos 30 inscritos. Veu xente de fóra (Pontevedra, Vigo, A Coruña,…) pero tamén moita da comarca, cun perfil basicamente profesional do sector, un 70% aproximadamente ten unha empresa turística.

Cada xornada ten un enfoque específico.

Si. A primeira enfocámola máis cara o enoturismo en si, cos diferentes modelos como o do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra ou o da Ruta del Vino y Cava Ribera del Guadiana e tamén coa participación de Manuel Gago que nos falou de diferentes actividades enoturísticas que se fan, por exemplo, na Borgoña francesa. A segunda xornada que se celebrará mañá está máis enfocada ao que é o propio Camiño de Inverno e contamos con xente como Rubén Lois ou Antón Alonso que teñen escrito sobre esta ruta xacobea; e tamén no que son as covas de Valdeorras porque queriamos darlle ese punto de promoción.

Á parte do foro neste mes tedes tamén a II BTT Ruta do Viño de Valdeorras. ¿Como é a participación neste tipo de eventos?

Ao principio foi bastante frouxa pero agora está aumentando o número de inscricións. Sabemos que neste tipo de actividades que teñen un compoñente deportivo a xente espera ata os últimos días para ver o tempo que fai e porque se organizan a última hora polo que esperamos ter uns cen inscritos. Quedan cinco días, a ver se chegamos.

Este 2022 está sendo un ano moi completo en canto a actividades por parte da asociación, ¿cales son as que máis aceptación teñen?

Todas as que teñen que ver con catas (cursos e rutas) teñen moi boa aceptación e para o ano que vén non descarto facer algunha actividade nas covas. Tratamos de facer unha actividade mensual e ao principio de ano é cando decidimos un pouco o calendario, sempre co beneplácito da xunta directiva.

Texto: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button