ConcellosManzanedaÚltima hora

O Auto da Cofradía de Ánimas de Raigada (Manzaneda) pon fin á novena

Esta antiga celebración con 260 anos de historia, que incluía a procesión do Cristo das Benditas Ánimas, estaba oficiada por 4 sacerdotes

 

A igrexa de Raigada (Manzaneda) acollía este mediodía unha celebración moi especial: o Auto da Cofradía das Ánimas desta localidade, cunha antigüidade duns 260 anos. Deste xeito concluía a novena, que se iniciaba o 12 de xaneiro.

O culto relixioso comezaba ás 12:45h. cun canto de entrada que daba paso ao acto de contrición, a petición de 7 avemarías á Virxe. Logo rezábase unha oración final e un canto. A continuación iniciábase á misa, oficiada por catro sacerdotes, entre eles párroco, o Padre Carlos; o vicario pastoral e un diácono. Ademais, os cantos antigos deste auto foron interpretados polo Orfeón Trivés e, ao final do mesmo realizábase unha procesión arredor da igrexa portando a imaxe do Cristo das Benditas Ánimas do Purgatorio.

Esta cofradía de Raigada ten unha historia de 260 anos e neste ano 2024 lograban recuperar esta novena, xunto co auto, grazas á colaboración do Padre Carlos. “Antigamente a esta novena viña moita xente e eu lembro de pequeno ver entre 15 e 18 sacerdotes nela”, asegura José María, veciño de Raigada e membro da confraría. E non só participaba nela a veciñanza de Raigada, senón tamén doutras localidades próximas tanto do concello de Manzaneda como doutros lindantes como é o caso de Vilariño de Conso ou do Bolo.

 

 

José María, de 82 anos, confesa que lle fixo moita ilusión poder recuperar esta celebración relixiosa, que viviu dende pequeno, con 7 ou 8 anos e ata os 29, cando emigraba a Barcelona, se ben nunca rompía a súa vinculación coa parroquia de Raigada nin coa confraría. “Gustoume tamén moito como se recuperou e a solemnidade que se lle deu á novena, cos cantos antigos… hai momentos nos que me emocionei”, asegura.

Décadas atrás a novena de Ánimas comezaba sempre o 14 de xaneiro, ao non ser que este día caise a domingo. Se sucedía isto, pasábse para o despois do San Antón. Ademais o seu remate, o acto, estaba vinculado a outra celebración, a do ramo que permitía recadar fondos para a confraría. Nela participaban 4 mozos e 4 mozas que preparaban e enganalaban un fermoso ramo con diversos produtos alimenticios, entre eles roscas de ovo, tamén con liño que se fiaba e tecía.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button