En portadaÚltima hora

O Barco asinará un convenio coa CHMS para pór en valor o Salgueiral e crear unha senda ata O Campiño

Así se acordaba na sesión plenaria deste 2 de setembro na que tamén se aprobaba o regulamento de funcionamento das escolas deportivas, entre outros asuntos

 

O Barco apostará por poñer en valor a área recreativa do Salgueiral como zona de esparexemento e, ademais, creará un senda peonil que conecte este lugar co Campiño de Viloira. Será unha actuación que suporá un investimento duns 550.000 euros, o 80% deles aportados pola Confederacion Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) e o 20% restante polo Concello. Para facela posible será preciso asinar un convenio de colaboración entre Concello e Confederación, algo que contaba co visto bo da Corporación barquense no pleno celebrado na tarde deste 2 de setembro.

Así a proposta de asinar este convenio, presentada polo grupo de goberno municipal, saía adiante por 11 votos a favor (os do PSdeG-PSOE, BNG e Riada Cidadá), mentres que os 5 concelleiros do PP decidían absterse ao considerar que “o correcto sería contar cun proxecto antes de asinar o convenio, non poden facerse as cousas ás presas e saltándose as normas”, dicía a súa portavoz, Sabina Aguado, se ben defendía a importancia de que esa zona verde se poña en valor.

Ante isto, o alcalde do Barco, Alfredo García, explicaba que a “CHMS enviounos o borrador do convenio para que o asinásemos e empezásemos a poñer en marcha as actuacións, indicándonos que contabamos con eses fondos económicos. ¿Poderíamos ter empezado polo proxecto? Si, pero comezamos polo convenio e, de feito, non se vai a facer nada ata que se redacte o proxecto. Aquí o que hai que poñer en valor é que a confederacióin implicouse nun proxecto importante para O Barco”.

Nesta sesión plenaria tamén se aprobaba, neste caso por unanimidade, o regulamento de funcionamento das Escolas Deportivas Municipais do Concello do Barco, co que se pretende “simplificar, reducir trámites e establecer un marco normativo” para o seu funcionamento, en palabras do portavoz do grupo municipal socialista, Aurentino Alonso. As escolas teñen dous tipos de usuarios: os adultos (con actividades como ximnasia de mantemento, baile ou zumba) e nenos (a partir de 4 aos, cunha oferta de actividades que non cobren os clubs nesas idades, ademais de ximnasia rítmica, zumba, ballet, etc.). A normativa tamén establece o período de matriculación ou inscrición nas escolas no mes de setembro (salvo neste ano no que se retrasará ata outubro), así como os períodos de descanso ou o réxime sancionador.

Resultaba ademais aprobada (por 9 votos a favor do PSdeG-PSOE, fronte a 2 abstencións (BNG e Riada Cidadá e aos 5 votos en contra do PP) a conta xeral do Concello correspondente ao exercicio de 2020.

 

O concelleiro do BNG no Barco, Suso Vilasánchez, defendendo a moción.

 

Moción do BNG sobre a carta de cidadanía

Así mesmo a Corporación barquense debatía e votaba unha moción presentada polo concelleiro do BNG Suso Vilasánchez sobre a implantación da carta da cidadanía no Barco, “algo que ata agora non se tiña feito”. Vilasánchez explicaba que “nestes tempos e nesta sociedade respectuosa coas distintas
sensibilidades e pensamento da cidadanía, hai xa 15 anos que se implantou na Galiza a cerimonia de outorgamento de Carta de Cidadanía (Concello de Guitiriz ano 2006), xa que cada vez son máis os pais e nais que queren que os seus fillos teñan unha presentación como cidadáns ante a sociedade que recorde que son posuidores de dereitos e deberes”.

E remataba a súa exposición pedindo ao pleno que adoptase o seguinte acordo “que O Concello do Barco de Valdeorras realizará a cerimonia de entrega de Carta de Cidadanía aos nenos/as que ou ben eles ou ben un dos pais ou responsables legais estean empadroados no concello , tras recibir a petición do acto directamente deles ou través de persoa autorizada. E en casos excepcionais como
puidese servir de exemplo a emigración, valorarase a especial relación familiar co Concello do Barco. Así mesmo O Concello do Barco realizará, sine die, a Ordenanza Municipal reguladora da entrega de cartas de cidadanía”.

A moción resultaba aprobada ao contar cos votos a favor dos concelleiros socialistas, de Riada e do BNG. “É importante facer un acto de benvida ao novo cidadán, é importante ir creando o sentimento de pertenza a un pobo, a unha sociedade”, dicía o portavoz municipal socialista. Pola súa banda, o PP optaba pola abstención ao considerar que “tavez non sexa este o momento máis oportuno polas condicións sanitarias actuais e por haber outras prioridades, sen que isto signifique que esteamos en contra”.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button