SanidadeÚltima hora

O CHUO recibirá 1 das 9 novas gammácaras que se incorporarán aos hospitais galegos

8 destes equipos renovarán equipamento antigo mentres que 1 supón unha ampliación ao incorporarse ao novo servizo de medicina nuclear de Pontevedra

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña visitou o servizo de medicina nuclear do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) para informar aos profesionais deste servizo da recente adxudicación do contrato de 9 novas gammacámaras (equipos SPECT-CT) para a rede sanitaria pública galega. O titular da carteira sanitaria estivo acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén e do xerente da área sanitaria, Félix Rubial.

Os servizos de medicina nuclear utilizan estes equipos para detectar as emisións de enerxía das radiosondas inxectadas no corpo do paciente e convertelas nunha imaxe. Os cabezais de que se compoñen as gammacámaras posúen capacidade de movemento ao redor do paciente, podendo así obter imaxes tridimensionais do órgano a estudar. Estas imaxes permiten a diagnose de enfermidades cardíacas, neurolóxicas, endocrinolóxicas, renais ou do aparato locomotor, así como a detección e tratamento de enfermidades oncolóxicas.

Oito dos nove equipos adquiridos están destinados a substituír por versións máis modernas o equipamento xa dispoñible nos hospitais galegos, coa excepción da destinada á área sanitaria de Pontevedra e Salnés, que suporá unha ampliación de equipamento xa que se incorporará ao novo Servizo de Medicina Nuclear que nacerá na área coa posta en marcha do novo Montecelo. Os distintos contratos fixan un prazos de entre 2 e 9 meses para a entrega deste equipamento, polo que a súa instalación efectuarase ao longo do vindeiro ano.

Esta contratación supuxo un investimento de 6,1 millóns de euros para o que a Xunta completa o proceso de renovación de alta tecnoloxía sanitaria que permitiu tramitar en 2022 licitar contratos por máis de 67 millóns de euros para a renovación de 76 equipos, canalizando fondos Next Generation da Unión Europea e coa achega de fondos propios da Xunta para acadar equipos de máis alta gama, como no caso dos TAC onde se engadiu un equipo con tecnoloxía espectral para cada área sanitaria.

En particular, ao longo deste ano a Xunta completou tamén o proceso de adquisición de 4 aceleradores lineais, 9 resonancias magnéticas, 34 equipos TAC, 3 equipos PET-TC, 2 equipos de braquiterapia, 4 equipos de radioloxía vascular intervencionista, 4 equipos de neurovascular intervencionista e 7 equipos de hemodinámica.

 

 

5,7 millóns para o novo servizo de medicina nuclear no CHUO

Durante a visita, o conselleiro trasladou ao persoal do servizo de medicina nuclear que recibirán durante o ano 2023 as dúas gammacámaras asignadas a este hospital, adxudicadas á empresa General Electric cun valor conxunto de case 1,4 millóns de euros.

Estes equipos uniranse ao PET-TC xa adxudicado por 1,5 millóns de euros e instalaranse no novo espazo deste servizo, cuxas obras veñen de comezar tras adxudicarse o contrato por 2,8 millóns. Así, en total, o novo servizo de medicina nuclear do CHUO suporá un investimento por parte da Xunta de 5,7 millóns de euros.

Con este investimento o Servizo pasará da planta baixa do Edificio Santa María Nai ao núcleo central de hospitalización, no primeiro soto do edificio Cristal, estruturado en catro áreas básicas. Unha non protexida onde se sitúan as dependencias ambulatorias e de admisión; unha área radioprotexida, na que se emprazarán as dúas gammacámaras, a sala de técnica común, a sala de inxección e as esperas correspondentes, a cámara quente e residuos. A terceira será a de terapia metabólica, cunha habitación, unha sala diferenciada para limpeza da área, oco para residuos sólidos e control de enfermaría; e por último a área de PET-TC, independente e con entrada diferenciada.

Artigos relacionados

Back to top button