DeportesÚltima hora

O ciclista Azael González, con orixes en Manzaneda, prepara un novo reto de ultrafondo de 1.000 km

Pretende realizar no 2024 o percorrido entre Cabezón de la Sal (Cantabria) e Tarifa, o punto máis ao sur de Europa

Azael González coa súa bicicleta./ Cedida.

 

Pon data e quilómetros ao que será o seu terceiro reto persoal en ciclismo de ultrafondo, para o que xa se está preparando. Todo comezaba no 2020, cando Azael González Estévez, deportista cántabro con raíces en Manzaneda,  realizaba, nunha única etapa, o percorrido de Cabezón de la Sal a Burgos e o camiño de volta: un total de 320 km. Ao ano seguinte, 2021, rendía homenaxe ás súas orixes galegas cun novo proxecto: completar os 426 km que separan o seu lugar de residencia, Cabezón de la Sal (Cantabria) da vila de Manzaneda, con case 5.000 m positivos de desnivel e que supoñían 17 horas sobre a bicicleta.

Agora dá un salto máis. Prepara de cara ao 2024 un percorrido de 1.000 km, entre Cabezón de la Sal e Tarifa. “O obxectiv é cruzar España enteira ata Tarifa, ata o punto máis ao sur de Europa, quéroo facer en tres etapas, que xa as teño marcadas, cos kms e o punto de saída e o punto de chegada”, adianta o ciclista. Esas etapas son as seguintes: 1ª Cabezón-Alba de Tormes (355 km. +2.436 m de desnivel), 2ª Alba de Tormes-Fuente de Cantos ( 347 km, +1.963 m) e 3ª Fuente de Cantos-Tarifa (307 km, +1.273 m).

Explica que non lle gusta facer nunca o mesmo, “para reptir mesmo esforzo e demais, non teño motivación, sempre me gusta ir un pouquiño a máis, ao final isto parece unha barbaridade, que o é, porque son mil km que vas acumular, pero son etapas de 350 km”.

Tamén matiza que aínda non ten unha data exacta para este percorrido “porque teño que mirar moi ben o tempo e a temperatura porque vou rodar de Madrid cara abaixo e necesito que a temperatura estea por debaixo de 30 graos ou moi aproximada. Non podería ser en xullo e agosto xa que sería un suicidio, entón teño que valorar se é mellor en xuño ou en setembro”.

 

 

Neste novo reto vai contar novamente co apoio do seu compañeiro Antonio Arce Ruiz, co que xa está adestrando. “Vouno facer con el, como a outra vez, pero si que en ningún momento vou deixar que el tire diante, porque a miña condición física é mellor. E, se nalgún momento ten que baixar da bici e descansar tres ou catro horas e logo retomar e demais, vaino facer”, adianta Azael González.

Así mesmo comenta que o seu adestramento está sendo máis forte que nos outros dous retos “porque vou necesitar recuperarme dun día para outro, entón loxicamente a intensidade do adestramento ten que ser moitísimo maior, o mesmo que a recuperación. Van ser menos horas que a outra vez por etapas, pero claro son tres días seguidos, entón aí que xoga moito o papel de recuperarse ben e de estar moi forte porque claro non é un só día, senón tres consecutivos”.

Ademais gustaríalle que, como sucedía co seu primeiro reto, tivese un carácter benéfico e está aberto a propostas. “Non sei aínda de que forma se pode axudar e darlle un pouco máis de visibilidade a entidades ou proxectos”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button