O Concello de Verín vén de crear un censo de persoas ou familias interesadas en acoller refuxiados procedentes de Ucraína. Esta iniciativa municipal ten como obxectivo coñecer os recursos habitacionais dos que dispón a vila para poder coordinar coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a maneira máis efectiva de ofrecer a axuda necesaria ante a crise humanitaria provocada pola guerra en Ucraína.
Desta maneira as persoas que teñan intención de acoller refuxiados ucraínos deberán cubrir un formulario que xa está dispoñible no rexistro da Casa do Concello.
O tenente de alcalde, Diego Lourenzo Moura, quixo agradecer, en nome de todo o grupo de goberno, as «incesantes mostras de solidariedade» que esta a mostrar a veciñanza de Verín co pobo ucraíno e explicou que «mentres se manteña a situación de emerxencia, pedímoslle aos nosos veciños e veciñas que se informen sobre como apoiar efectivamente á poboación ucraína». O feito de descoñecer cales son as vías máis axeitadas para ser solidarios, nesta situación de emerxencia, salientou Lourenzo, «en moitas ocasións, resta eficacia ás intencións solidarias, cando o imprescindible é a colaboración efectiva.»
Neste senso, e para tratar sobre as formas máis efectivas de solidariedade co pobo ucraíno, a Dirección Xeral de Relación Exteriores da Xunta de Galicia reuniuse con representantes da FEGAMP (organización da que formamos parte), do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (do que o Concello de Verín é socio activo), coa Coordinadora Galega de ONGD e con entidades especializadas. Tras analizar a situación, desde o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade trasládanos as seguintes recomendacións para canalizar o apoio ao pobo ucraíno:
“Para realizar as doazóns de bens en especie. Estase a producir unha saturación, con graves dificultades de almacenaxe, loxística e transporte. Ademais, descoñécese cales son os materiais que se necesitan en cada momento. A recollida de alimentos e produtos de primera necesidade, suxírese suspendela e gardar todo o material para ser empregado unha vez cheguen as persoas refuxiadas a Galicia. A Dirección Xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, responsable de canalizar a axuda humanitaria desde Galicia en coordinación coas autoridades estatais, está realizando un inventario dos almacéns que xa existen para estudar se é preciso enviar parte dos produtos máis adiante, reservalos para as persoas refuxiadas que cheguen a Galicia ou darlle saída a través doutro tipo de entidades”, tal e como informa o Concello de Verín.
Está administración local tamén incide en que “o más eficiente e eficaz é facer una achega económica ás ONG ou organismos internacionais que están dando apoio á poboación ucraína afectada, para que merquen o que realmente precisan no momento que o precisan. Hai garantías de que no mercado local poden conseguir todo o necesario, evitando gastos innecesarios de transporte coa consecuente pegada medioambiental. Estas doazóns pódense realizar, entre outras”, a través de entidades como, segundo cita o Concello:
• Coordinadora Galega de ONGD: https://galiciasolidaria.org/como-apoiar-a-poboacion-na-ucraina/
• Cruz Vermella, Media Lúa Vermella e Comité Internacional da Cruz Vermella:
https://www.icrc.org/es/donate/crisis-en-ucrania
• Oficina de Coordinación para Asuntos Humanitarios das Nación Unidas. Fondo
Humanitario para Ucraína: https://www.unocha.org/ukraine/about-uhf
• Axencia das Nacións Unidas para as Persoas Refuxiadas (ACNUR):
https://eacnur.org/es/crisis-ucrania
Ademais o Concello de Verín indica que se descartan “as iniciativas individuais para recibir a menores non acompañados. Lembrámoslle ás familias que queren acoller a menores que existe un sistema de acollida institucionalizado e que, na medida do posible, as nenas e nenos como mellor están e reagrupados coas súas familias”.