ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

O Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, en colaboración con Iberdrola, aposta polo turismo industrial con visitas guiadas á central de Santo Estevo

Nunha primeira proba piloto, estas visitas estarán dispoñibles, só con reserva previa, os venres e sábados comprendidos entre o 17 de novembro e o 9 de decembro

 

Visitar as entrañas da central hidroeléctrica de Santo Estevo, a máis importane de Galicia e coñecer as súas singularidades nunha visita turística será posible a partir do vindeiro 17 de novembro. Será grazas a un acordo asinado esta mañá nesas mesmas instalacións, onde se facía ademais unha primeira visita inaugural de Santo Estevo, Santo Estevo II (caverna) e á presa.

Así o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Iberdrola e o Concello de Nogueira de Ramuín rubricaban un convenio de colaboración a través do cal, xa dende hoxe, queda aberta a plataforma de reservas para o público. “Estas visitas estarán dispoñibles só con previa reserva os venres e sábados entre o 17 de novembro e o 9 de decembro. O paquete completo da visita vai ter unha duración de catro horas e as persoas que participen nela comezarán a xornada, acompañados dun guía especializado, ás dez da mañá e a visita a este complexo de Santo Estevo, incluírase dentro dun percorrido polo concello de Nogueira de Ramuín, descubrindo os seus moitos atractivos turísticos”, dicía o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, que participaba neste acto inaugural xunto ao valdeorrés Miguel Ángel López García, director de xeración da conca Sil de Iberdrola, e do alcalde de Nogueira de Ramuín, Julio Carlos Temes Pereira, entre outras autoridades.

Dase así un fito histórico no territorio xa que nunca antes unhas instalacións deste tipo permitiron a entrada a persoas alleas á empresa, salvo visitas escolares anos atrás. Durante a súa presentación Miguel Ángel López García destacou que se trata “dun proxecto piloto e experimental” e que amosa “o compromiso de Iberdrola co entorno social no que desenvolve a súa actividade, e en concreto coa Ribeira Sacra”.

 

Deste xeito, este paso constitúe unha aposta polo turismo industrial na que o Consorcio de Turismo leva tempo traballando e que agora, grazas a colaboración de Iberdrola, xa é unha realidade. A compañía enerxética, ademáis de formar aos guías turísticos que acompañarán aos grupos, pon a disposición o acceso e visita ás instalacións e persoal de reforzo sen ningún custe. Luis Fernández Guitián resaltaba a este respecto “que a posta en valor e a accesibilidade ao Patrimonio Industrial da Ribeira Sacra, xa era un obxectivo antes da declaración BIC da Paisaxe Cultural. Neste contexto, e como acabamos de comprobar no congreso celebrado esta semana no Mosteiro de Santo Estevo, con especialistas vecellados a UNESCO e a ICOMOS, a apertura das portas deste tipo de infraestruturas cobra máis sentido se cabe. Son parte ineludible da realidade do noso territorio“

Así a visita ao complexo de Santo Estevo, que comeza como unha proba piloto, incluírase nun pack turístico polo Concello de Nogueira de Ramuín, cun prezo de 6 euros por persoa, descubrindo algúns dos seus moitos atractivos turísticos (miradoiros, as mámoas das Cabanas ou o Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil).

“O Consorcio agradece enormemente a implicación de Iberdrola para a preparación das visitas nas últimas semanas. Para este organismo é fundamental que a poboación local os visitantes comprendan e interioricen que a paisaxe da que hoxe desfrutamos, a navegabilidade dos ríos ou o moldeado das ladeiras para a produción vinícola, forman parte dunha paisaxe viva, adaptada e moldeada pola presencia humana para o seu aproveitamento en distintos sectores produtivos e en diferentes épocas”, resaltaba o seu presidente, que expresaba o seu agradecemento “a todos os que fixeron posible este novo proxecto turístico” e dun, modo especial, a Miguel Ángel López, e á xerente do Consorio, Alexandra Sera, que “leva anos traballando para dar forma a esta proposta que hoxe se converte en realidade”.

 

 

Pola súa banda, o director de xeración da conca do Sil de Iberdrola, indicaba que “notamos, e tamén se nos trasladou por parte do consorcio e de diferentes administración, que había un interese nun turismo industrial que podería complementar o turismo que existe á día de hoxe na Ribeira Sacra, asociado ao canón e ao tema vinícola, aos catamaráns… Un turismo vinculado á industria hidroeléctrica, que está aquí, que ten unha historia importante detrás e que dalgún xeito pode complementar un turismo de calidade que o que ao final intentamos todos que teña a Ribeira Sacra, ese foi o motivo”.

Tamén entende que  “este tipo de iniciativas poden contribuír á que a xente interprete e entenda a importancia que teñen estas instalacións, que son de utilidade pública xa que a hidroeléctrica é a única tecnoloxía que é capaz de aportar enerxía de forma permanente e variable, continuamente, variando e regulando, o resto das tecnoloxías non teñen esa capacidade”.

 

 

Miguel Ángel López explicaba ademais nesta visita de turismo industrial os participantes poderán atopar varias fases diferentes, unha delas é a histórica. “Esta é a fase de construción dos saltos do Sil entre o ano 1945 e 1955. Nese momento, aproximadamente, foi cando chegaron os primeiros equipos de traballo á central de San Clodio, en Ribas de Sil, e á central de Santo Estevo. E isto tipo certa épica porque só en Santo Estevo chegaron a traballar máis de 2.000 persoas, moitos eran veciños das localidades aledañas, pero tamén xente de fóra como británicos, italianos, suízos… que tiveron que facer vías de acceso porque non existían. De feito a estrada que vén de Os Peares foi feita naquel momento e ata hoxe segue activa, houbo que facer pontes, poboados, escolas, entón foi unha fase moi importante para a Ribeira Sacra, zona de Manzaneda e o Bibei, Valdeorras”.

 

 

Outra das fases ás que se refería era a de “explotación, na que nos atopamos agora e na que as centrais hidráulicas aproveitan a auga, que é unha fonte de enerxía renovable, autóctona, e moi importante para confluír á transición ecolóxica. Santo Estevo é a central hidráulica de maior potencia instalada de Galicia”, indicaba o director de xeración da conca do Sil de Iberdrola.

 

 

Pola súa banda, Julio Carlos Temes, rexedor de Nogueira de Ramuín, sinalaba que este municipio posúe “un gran número de recursos e servizos turísticos, que son parte importante da dinamización socioeconómica do concello e que, enmarcados na Ribeira Sacra, multiplican o seu valor. Esta proba piloto tamén axudará a afondar na desestacionalización do turismo para este concello e no conxunto do xeodestino. As rutas contribuirán a seguir difundindo os nosos valores coa novidade de incorporar a presa que esperta gran interese”.

 

 

As visitas

Nunha primeira proba piloto, estas visitas estarán dispoñibles, só con reserva previa, os venres e sábados comprendidos entre o 17 de novembro e o 9 de decembro. Os visitantes comezarán a xornada, acompañados dun guía oficial formado ad-hoc, ás 10:00 horas. A da central será a última parada do percorrido.

Alí terán a oportunidade de acceder á Central Hidroeléctrica, ás privilexiadas vistas dende o alto da presa (115 metros sobre o nivel do río) e á xoia da central, a caverna coñecida como Santo Estevo II. Descenderase a 100 metros de profundidade para coñecer esta obra exemplar, rematada en tempo récord (2008-2012) e que posiciona a Santo Estevo como a Central Hidroeléctrica máis importante da Comunidade Autónoma. A xornada rematará aproximadamente ás 14:00 horas.

 

Cedida.

 

A experiencia estará dirixida a persoas maiores de 12 anos, por cuestións de seguridade, e para un máximo de 15 participantes en cada saída. A actividade terá un custe de 6€ por persoa. Trátase dun prezo patrocinado, xa que os servizos de organización, guiado e traslados durante a actividade financiaranse, na meirande parte, polo Consorcio de Turismo con cargo ao Plan de Sostibilidade Turística en Ribeira Sacra (achegas da Secretariá de estado de Turismo, Axencia Turismo de Galicia e Consorcio de Turismo).

A visita ás instalacións de Santo Estevo e o persoal de seguridade que acompañará ao grupo é posto a disposición por Iberdrola de xeito completamente gratuíto.

A reserva das prazas está aberta na web do Consorcio de Turismo, turismo.ribeirasacra.org
Enlace directo: https://turismo.ribeirasacra.org/es/la-caverna-de-santo-estevo

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button