ConcellosÚltima hora

O Eixo Atlántico presenta un documento base para o plan director do Corredor Atlántico

Facíao nunha rolda de prensa telemática na que, ademais, lanzaba xunto ao CES Galicia un manifesto en defensa deste corredor

 

Na súa aposta polo Corredor Atlántico ferroviario, o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular vén de crear un plan director “propio”, elaborado polo enxeñeiro e exdirector xeral de Mobilidade na Xunta Miguel Rodríguez Bugarín.

Este documento, co título “Elementos para la redacción dun plan director del Corredor Atlántico”, presentábase a finais desta semana nunha rolda de prensa telemática que contaba coa presenza telemática da vicepresidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez, do seu secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, e do director de Consello Económico e Social de Galicia, CES (Consello Económico e Social) de Galicia, Agustín Hernandez. Este plan inclúe actuacións previstas por valor de 2.358 millóns de euros, co obxectivo “de que esta rexión deixe de ser un xigante durmido”.

Nesta presentación o secretario do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, sinalaba que levan “meses solicitando ao ministerio o plan director”, pero “ninguén” tivo acceso a el, polo que “non se pode afirmar se existe ou non”, algo no que coincidiu a alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez.

De aí a elaboración deste documento. “Na práctica recolle todo o que hai que facer en cada un dos tramos da vertente galega do corredor”, matizaba o responsable do Eixo Atlántico, que incidiu en que “xa non hai escusa” e “ten que haber unha acción institucional conxunta”, posto que o que está “en xogo” é “o futuro” dos portos e da economía xa non só galega, ao seu xuízo, senón o da española no seu conxunto.

Pola súa banda, Lara Méndez sinalaba na súa intervención que “este documento vale como punto de partida para iniciar ese traballo” para o corredor, e valorou “que se inclúa esa liña Lugo-A Coruña-Monforte”.

 

 

Manifesto do Eixo Atlántico e do CES Galicia

Co propósito de lograr “unha voz única, e máis despois da pandemia”, o Eixo Atlántico e o CES lanzaban nesta mesma rolda de prensa virtual un manifesto en defensa dunha rede “transeuropea de transportes eficiente, sostible e equilibrada” na Península Ibérica e en apoio do Corredor Atlántico.

O manifesto, que agora buscará adhesións de concellos e de diferentes axentes sociais e económicos, pide ao goberno do Estado que “garanta o equilibrio entre o corredor Mediterráneo e o Atlántico, presentando con carácter inmediato o Plan Director do Corredor Ferroviario do Atlántico, e solicitando nos fondos para a reconstrución o mesmo nivel de investimentos que para o Mediterráneo”.

 

Un dos momentos da rolda de prensa telemática.

 

 

Por parte do CES, o seu presidente, Agustín Hernández, remarcou que a vontade, tanto do documento presentado como do manifesto non é enfrontarse co corredor Mediterráneo, senón esixir “que existan criterios de igualdade”. Ademais, remarcou a necesidade de que tanto o ministerio como Adif sexan “capaces de executar os orzamentos previstos” en materia ferroviaria.

Artigos relacionados

Back to top button