CulturaCulturaÚltima hora

O vianés Felipe Gago, autor da primeira tradución ao galego de “Xogando co infinito”, obra divulgativa das matemáticas

O Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, acaba de dar ao prelo a primeira tradución desta obra da húngara Rózsa Péter

O vianés Felipe Gago, á dereita da imaxe./ Foto CGG.

 

O profesor de Matemáticas vianés Felipe Gago é o autor da primeira tradución ao galego da obra Xogando co infinito. Trátase dun traballo divulgativo que escribiu a húngara Rózsa Péter hai oitenta anos arredor de conceptos matemáticos relacionados co infinito. Presenta en termos accesibles para o público profano desde os conceptos matemáticos máis elementais, como os que se imparten en primaria, ata nocións sutís ás que nos achegamos cara ao final do bacharelato e mesmo máis aló, como os paradoxos que fixeron tremer as matemáticas de principios do século XX.

O libro era presentado esta mañá na Aula Magna da Facultade de Matemáticas de Santiago, nun acto no que participaban a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a decana da Facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón, e o autor da tradución ao galego, Felipe Gago.

Gago explicaba que o libro está escrito “nun estilo literario, nunha forma case continua, sen apenas fórmulas. A autora, sen resultar técnica nin superficial, consegue falar con total claridade e moita orixinalidade sobre todo un abano de temas, desde o proceso de contar ata os teoremas de Gödel e Church, sendo unha das primeiras —e, para moita xente, aínda unha das mellores— presentacións dos resultados de incompletitude de Gödel para o público xeral”.

É un relato popular dos moitos conceptos matemáticos relacionados co infinito e unha introdución a todo o campo das matemáticas. O libro está dividido en tres partes: “A aprendiz de meiga”, “A forma creadora” e “A autocrítica da razón pura”, e nelas, a autora desenvolve o seu material en vinte e dous capítulos titulados de maneira suxestiva: “Xogar cos dedos”, “Colorear a sucesión gris dos números”, “Outra vez o infinito”, “A liña está repleta”, “Algúns segredos de obradoiro”, “As pedras de construción” etc. Debúllanse moitos conceptos matemáticos importantes con total precisión: sistemas numéricos, progresións aritméticas, diagonais de polígonos convexos, combinatoria, a lei dos números primos, ecuacións, números negativos, vectores, operacións con fraccións, series infinitas, números irracionais, teorema de Pitágoras, táboas de logaritmos, xeometrías non euclidianas, a recta no infinito, integrais indefinidas e definidas, a cuadratura do círculo, números transcendentes, a teoría de grupos, a teoría de conxuntos, metamatemáticas e moito máis. O resultado é, en palabras do tradutor, “un libro orixinal de interese tamén para profesionais e profesorado de Matemáticas”.

A edición conta, ademais, con dous textos introdutorios. Un deles é de Peter Lax, gañador do Premio Abel, discípulo de Einstein e un dos alumnos das clases particulares coas que Rózsa Péter gañou a vida cando foi vetada pola súa condición de xudía no Budapest antisemita de entreguerras. O outro é de Elena Vázquez Cendón, no que destaca as salientables achegas da autora a disiciplinas como a matemática ou a informática e o seu compromiso por “iniciar camiños na investigación e rozalos para as mulleres”, xa que foi “das que sementaron vocacións en mozas e mozos en idades temperás e tenderon pontes con colegas doutras disciplinas”. Na contribución de Elena Vázquez Cendón tamén se inclúe unha presentación de Susana Mataix, autora de Matemática es nombre de mujer.

A autora, Rózsa Péter

Rózsa Péter naceu en Budapest o 17 de febreiro de 1905, no seo dunha familia xudea. Fascinada pola ciencia desde a escola, comezou a estudar Química na Universidade Eötvös Loránd, pero axiña descubriu que a súa vocación eran as matemáticas, disciplina da que se graduou en 1927. Afectada pola depresión de 1929, sobreviviu dando clases particulares a estudantes ao tempo que cursaba os seus estudos de posgrao, primeiro sobre a teoría de números e máis tarde, por influencia do seu amigo e colaborador Janos Kalmár, centrada no traballo de Kurt Gödel arredor da incompletitude, en particular sobre as funcións recursivas.

Presentou esta investigación no International Congress of Mathematicians (ICM) de 1932, en Zürich, e doutorouse en 1935. Sufriu os avatares da guerra, xa que, cando a súa carreira comezaba a despegar, en 1939 o Goberno pronazi de Hungría aprobou leis antixudías que lle prohibiron ensinar e que mesmo a levaron a ser confinada brevemente no gueto de Budapest. Rózsa continuou o seu traballo de investigación durante toda a Segunda Guerra Mundial e ao seu remate conseguiu o seu primeiro posto de profesora a tempo completo na Facultade de Formación do Profesorado de Budapest. En 1952, foi a primeira muller húngara en ser nomeada doutora académica en Matemáticas. Ensinou nesa facultade durante unha década ata que pechou en 1955, momento en que foi nomeada profesora titular da Universidade Eötvös Loránd.

Foi activa na promoción do ensino das matemáticas nas escolas, especialmente para nenas e mulleres novas, e deu conferencias sobre como “as matemáticas son fermosas”.

Recibiu o Premio Kossuth e o Premio Manó Beke en 1953, así como o Premio Estatal, Grao de Prata (1970) e Grao de Ouro (1973). En 1973 tamén foi a primeira muller matemática en converterse en membro da Academia de Ciencias de Hungría.

Artigos relacionados

Back to top button