Do 4 ao 6 de abril o Pazo de Congresos de Santiago de Compostela será escenario do X Congreso Español de Lactación Materna-IHAN baixo o lema “Pingas de vida, fonte de saúde”. Deste xeito, “queremos destacar que a lactación materna exclusiva ata os seis meses, xunto coa alimentación complementaria a partir de esta idade ata os dous anos ou máis, son esenciais para lograr a saúde física, intelectual i emocional a largo prazo da poboación”, indican dende a organización.
Ao longo destes tres días máis de 500 profesionais da saúde, entre os que haberá unha representación valdeorresa, estudantes e nais de grupos de apoio á lactación, compartirán experiencias e coñecementos co fin de contribuír á mellorar as súas habilidades para promover, protexer e apoiar a lactación materna.
“Reunións científicas coma esta contribúen a mellorar os coñecementos e habilidades do persoal sanitario e das monitoras e asesoras de lactación materna, para isto, un ano máis contamos con prestixiosos relatores con experiencia na materia, tanto a nivel nacional como internacional, que exporán os coñecementos máis actualizados en lactación materna”, explican os promotores do congreso.
O programa deste foro comezará o xoves 4 de abril pola mañá con doce talleres precongreso nos que se abordarán temas como, o aleitamento en prematuros, habilidades de comunicación, fotografía, control do crecemento, promoción da lactación durante o embarazo, terapias físicas, extracción de leite, sexualidade no posparto e lactación, comunicación creativa, alimentación complementaria, valoración dunha toma, casos prácticos ou situacións legais.
A conferencia inaugural será pola tarde e correrá a cargo da prestixiosa psiquiatra Ibone Olza, quen disertará sobre a importancia de preservar a neurofisioloxía do parto normal. A continuación trataranse temas tan relevantes como o custo económico de non aleitar para o sistema sanitario, ética e lactación ou o papel do pai na lactación, así como prestacións por resgo de lactación.
Ao día seguinte, venres 5 de abril pola mañá, os actos comezarán coa lectura e defensa de pósters para seguidamente afondar en temas como as enfermidades metabólicas e a lactación, a protección da lactación no lactante enfermo, transición da alimentación por sonda ao peito en prematuros, fototerapia en bebés aleitados, lactación en mulleres con enfermidades endocrinolóxicas, indicacións e beneficios de extracción prenatal de costro, como axudar a unha nai con lactación parcial a alcanzar lactación materna exclusiva, nivel de cortisol no leite materno e a súa influenza no comportamento dos bebés.
Pola tarde, despois das comunicacións orais libres, abordaranse temas como a limpeza dos extractores de leite e tamén falaremos da morte e duelo perinatal, doazón de leite materno trala morte fetal ou do fillo lactante, coa testemuña de nais que pasaron por esta desgarradora experiencia e o que supuxo para elas o doar o seu leite. Para rematar presentarase o Proxecto “Amadrina a una primeriza”.
O sábado 6 de abril completarase este intenso programa científico con tres mesas redondas nas que se presentarán resultados novidosos sobre investigación no campo da lactación materna: as diferencias da composición do leite humano segundo o sexo do lactante, secuenciación de DNA e RNA bacteriano no leite de mulleres con e sen mastite, leite materno no tratamento do cancro.
O sábado tamén terá lugar o encontro de familias e grupos de apoio á lactación materna que contará con relatores como Pilar Sebastián, Raquel Sarabia e Adolfo Gómez Papi, neste encontro exporase a evidencia da eficacia do traballo dos grupos de apoio na promoción da lactación materna, o traballo entre grupos de apoio de nais e persoal sanitario, así como a importancia do contacto pel con pel da nai co seu bebé dende que nace de maneira ininterrompida. Finalmente, daranse a coñecer as últimas novidades da IHAN a nivel internacional, nas unidades neonatais, os centros de saúde IHAN e o informe WBTi España 2018.
Entre os relatores de recoñecido prestixio a nivel internacional que participarán neste congreso estará a enfermeira colombiana especialista en coidado crítico Zandra Patricia Grossó, a antropóloga Khate Hinde chegada dende Arizona, a investigadora no tratamento do cancro con leite materno Catharina Svanvorg ou o asesor en dereitos humanos da OMS Marcus Stahlhofer, chegado dende Xenebra e que será o relator da conferencia de clausura na que falará do cumprimento do Código Internacional de Comercialización de Sucedáneos de leite materno e a súa relación cos dereitos humanos.
Tamén participarán prestixiosos relatores e relatoras nacionais como por exemplo Esmeralda Santacruz, Josefa Aguayo, Carlos González, Mª Rosario Valero, Paula Sánchez, Diana Álvarez, Adolfo Gómez Papi, Sonsoles Guadalix, Purificación Vicente, Adelina García, Beatriz Flores, Paul Richard Cassidy, Carmen Samaniego, Aythamy González, Alejandro Mira, Mª Teresa Hernández, Carmen R. Pallás, Francisco J. Soriano, Salomé Laredo… E antes da clausura procederase á entrega de premios ás mellores comunicacións orais e pósters.