OurenseÚltima hora

Os Maios, a festa máis enxebre de Ourense, toman a rúa do Paseo

As tradicionais pirámides ou os cruceiros mesturábanse con esculturas vexetais novidosas e vangardistas. O enxeño non deixou indiferente aos miles de visitantes que hoxe, 7 de maio, saíron á rúa do Paseo da capital para gozar da máis enxebre das súas festas: “Os Maios”. Cara ás once da mañá, o verde comezaba a tinguir esta céntrica rúa e os seus creadores comezaban a clarexar a gorxa para cantar as tradicionais coplas dos Maios. Logo, cara ás 11:30 horas, comezou a animación de rúa a cargo dos gaiteiros da Escola de música tradicional “De pé feito” e dos cabezudos. O sol acompañou durante toda a xornada.

Asociacións de veciños, particulares, colexios e outros colectivos, puxeron toda a carne no asador para poder vencer no concurso convocado polo Concello de Ourense, coidando as súas estruturas e creacións con moito agarimo e regándoas para que non secasen xa que o xurado, conformado por un grupo de expertos na materia, roldou polo Paseo a partir das 12:00 horas para valorar e elixir aos gañadores.

Pero o enxeño non só estivo nestas tradicionais estruturas vexetais, xa que as coplas tamén desbordaban creatividade. Política local, as redes sociais, a seca, as xeadas que destruiron as vides ou os incendios que asolan Galicia no verán, foron algúns dos temas que elixiron os participantes para elaborar os seus versos e, como manda a tradición, vendíanas entre os viandantes a “un euro a copla!”. Pero iso non era o único, xa que había algúns que incluso agasallaban chupitos de licor café e biscoito coa merca dunha copla.

Premios

Cara ás 18:30 horas, o xurado deu a coñecer os gañadores do concurso deste ano. Na categoría de Maio Artístico, o premio foi para “Ratos de bibliotecas Cudeiro”, de Óscar López González. O premio para o Maio máis Enxebre foi a parar ao “Cruceiro as Dornas”, da Asociación Cultural Os Lolailos. O Maio máis Creativo, segundo o xurado, foi o titulado “O Castro”, da ANPA do IES Otero Pedrayo e, finalmente, o mellor Maio Infantil foi o de “As crianzas da ronda da Auriense”, de Eira Losada Fernández.

No eido das coplas, o xurado decidiu darlle o premio a “O Afiador”, da Asociación Xuvenil Amencer. En canto á mellor Copla Infantil, o premio foi para “As crianzas da ronda da Auriense”, de Eira Losada Fernández.

Fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button