Dotar a Candeda (Carballeda de Valdeorras) dun novo local que poida ser usado pola veciñanza, ao mesmo tempo que se reconstrúe unha antiga edificación municipal que quedaba en ruínas polo incendio do verán do 2022. Con este fin xurdía o proxecto de crear un novo centro cívico nesta localidade que pronto se converterá nunha realidade.
“En Candeda había unha antiga escola dos anos 50, composta dunha planta baixa e doutra alta, pero moi pequeniñas. Esta edificación, que está no barrio do Poblado, era propiedade municipal e quedou totalmente destruída nos incendios. Procedeuse o desescombro e limpeza desas ruínas, pero o Concello tiña que buscarlle solucións. Se ben o núcleo de Candeda é pequeno, si notamos que hai máis xente alí e, ademais, parécenos bonito converter esa antiga escola nun centro cívico, mesmo para actos propios do Concello, xa que algunha vez resulta bastante complicado facer un concello ou unha reunión na rúa polas inclemencias meteorolóxicas”, explica a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González Quintela.
Nesta actuación, cun orzamento próximo aos 80.000 euros, o Concello de Carballeda contará co apoio da Xunta de Galicia e do goberno central. ” Outra vez a colaboración institucional posibilita facer unha obra que xa está adxudicada e que empezará en breve. Loxicamente non se vai terminar nesta anualidade pero, entre este ano e a primavera do 2024 teremos ese centro cívico, que ademais está moi cerca doutro edificio singular no núcleo que é a igrexa, e así pouco a pouco ímoslle dando consistencia urbanística ao núcleo de Candeda”, continúa a rexedora.
Outra das singularidades deste proxecto está o seu deseño, que busca integrar o edificio na contorna. “Mantén unha tipoloxía propia do núcleo rural galego, cos materiais propios da zona, pero dándolle a luminosidade e cunha estrutura moderna. Vai pedra, vai a nosa lousa, vai a madeira e vai moita luz, unha cristaleira enorme que lle aporta luz natural e que lle dá un toque de modernidade, fresco… Logra unha integración naquela paisaxe e naquela zona”, resalta María Carmen González.
Ademais esta construción enmárcase na liña doutras vivendas de Candeda que foron rehabilitadas tras resultar afectadas polo incendio. “As tres casas que reconstruíron os veciños coa axuda da Xunta son un exemplo mesmo desa tipoloxía que acabou de comentar. De feito, levan a pedra, a lousa, a madeira. As tres están reconstruídas, loxicamente cada unha ten as característias e o gusto e o toque persoal dos seus propietarios, pero arquitectonicamente son un conxunto que harmoniza e que unifica un entorno”, conclúe a alcaldesa de Carballeda.