EconomíaEconomíaSen categorizarÚltima hora

Ourense preséntase en FITUR como “un plan perfecto” para unha escapada de fin de semana

O Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, presentouse como unha cita gastronómica para atraer visitantes a través dos sabores da terra

A Feira Internacional de Turismo (FITUR) abriu hoxe as súas portas no Instituto Ferial de Madrid (IFEMA). Os encargados de erguer, esta mañá, o telón deste salón foron as súas maxestades o Rei Filipe VI e a raíña Letizia.

O turismo é unha grande fonte de economía para todos os países. Neste salón internacional case 10.000 empresas expositoras de 164 países ou rexións e os 125.000 participantes profesionais buscan ofrecer o mellor do ocio dos seus países para captar aos máis de 100.000 visitantes de público non profesional.

O stand de Turismo de Galicia acolleu ao longo deste primeiro día de celebración un total de 15 presentacións que permitiron coñecer aos asistentes a este certame os principais destinos e produtos da oferta turística da Comunidade galega.

Entre esas presentacións estivo Ourense. Esta mañá, a capital das Burgas deu a coñecer a súa campaña de captación de turismo “Ourense, un plan perfecto”, coa que pretende, segundo dixo o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, “consolidarse como un destino ideal para escapadas en pontes, fins de semana e, como non, en calquera época do ano”. A presentación contou cunha madriña de excepción, a actriz ourensá Myriam Gallego, coñecida por interpretar á personaxe da Condesa na serie “Águila Roja” de TVE.

Na súa intervención, Vázquez puxo de manifesto as principais ofertas coas que conta a capital para un plan ideal. O rexedor comezou dicindo que “Ourense non é unha cidade costeira pero temos un gran océano termal baixo os nosos pés”. O rexedor fixo alarde do potencial mineiro-medicinal das augas ourensáns e sinalou que “é a segunda cidade de Europa en canto a caudal termal, só por detrás de Budapest”. O alcalde tamén falou de Ourense como “capital da moda”, enumerando as grandes marcas que operan na cidade: “Carolina Herrera, Purificación García, Adolfo Domínguez o Bimba y lola”. E tamén fixo unha mención especial ao comercio local.

Tamén falou da oferta arquitectónica, patrimonial e cultural da capital, sinalando que Ourense é coñecida como “a Atenas de Galicia”. Vázquez amosouse orgulloso da maxestosidade da catedral de San Martiño de Tours: “unha xoia que fai as delicias de todos os amentas da arte”; así como a Ponte Romana, “que une a cidade dende hai séculos”, dixo, e a Ponte do Milenio.

Gastronomía e viño

Outro dos puntos fortes que sinalou Jesús Vázquez é a gastronomía, que fixo mención ao concurso de pinchos Sabores de Ourense, nas súas edicións de primavera e outono e ao salón gastronómico Xantar, que precisamente tamén acudiu a FITUR para presentar a súa décimo oitava edición.

Xantar pretende potenciar a gastronomía como un xeito de atraer turismo de proximidade.

Este Salón Internacional de Turismo presentouse nun acto ao que acudiron representantes públicos e privados de España, Portugal, Panamá (país convidado nesta edición), México e Arxentina, ambos os dous convidados en edicións anteriores e foi conducido polo director de Xantar, Alejandro Rubín, quen definiu a participación desta cita como “unha experiencia enogastronómica que permite recorrer o mundo ampliando cada ano novos destinos internacionais”.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou o valor de Xantar como “o mellor escaparate do enorme potencial de Galicia coma destino gastronómico”, e sinalou o “carácter descentralizador da gastronomía na oferta turística galega”.

Rafael Chamorro, subdirector de Turespaña, dixo que “España recibiu 75 millóns de turistas o pasado ano”. Chamorro destacou que o aumento foi en número e “en rendibilidade”. Agora mesmo dende o seu dominio están a buscar un turista máis rendible e que faga maior inversión, “e ese é o gastronómico”, subliñou.

Pero, ademais da gastronomía, outro dos puntos fortes que atrae aos turistas á provincia é o viño. A Denominación de Orixe Ribeira Sacra tamén se deu a coñecer hoxe ao público de FITUR no stand de Galicia. O presidente da entidade, Luis Fernández fixo fincapé na súa intervención en tres dos proxectos que máis gustaron na Axencia de Turismo de Galicia nos convenios asinados en 2016. Éstes son o de “Mueve ficha por la Ribeira Sacra”, orientado ao público escolar; “Un toque de color en Ribeira Sacra”, centrado na parte estética e o paisaxismo; e “Pasaporte a las nubes de la Ribeira Sacra”, coa que se creou un pasaporte a modo de credencial co que reunir selos para gañar premiar aos turistas.

 

O presidente da D.O. Ribeira Sacra Luis Fernández na presentación en FITUR.

Artigos relacionados

Back to top button