Ao longo dos anos quedou demostrado que Petín é un pobo de cine e agora, grazas á MARCO, a Mostra de Arte da Comarca que neste 2022 chega á III edición, tamén é un pobo de arte. Así o demostra a selección de obras de seis artistas valdeorreses que dende hoxe e ata o domingo 4 de setembro, poderán verse polas empedradas rúas do casco vello petinés, en horario de 20 a 23 horas.
Esculturas de Pedro Dobao e Xelo de Tremiñá; e pinturas de Enrique Fdez. Prada ‘Enris’, Roberto Álvarez e Orde Caos, ademais dunha gran selección da obra de Jesús Díaz Ferrer no 100 aniversario do seu nacemento (1922-2022).

A inauguración da mostra tiña lugar na tarde deste venres 2 setembro na Casa da Cultura de Petín, nun acto que contou coa presenza de Raquel Bautista, alcaldesa de Petín; de David Esmerodes, un dos promotores de MARCO Petín; e de Francisco Pablos Holgado, membro da Real Academia Galega das Artes que ofreceu unha amena charla sobre arte, na que non faltaron as anécdotas, aos asistentes. Etre o público, ademais de moitos veciños de Petín estaban tamén alacaldes e concelleiros dos concellos da Rúa, Vilamartín e O Barco así como o senador Miguel Bautista.
A primeira en tomar a palabra era a propia alcaldesa, para dar as grazas aos asistentes por estar presentes “nun día tan importante para Petín e para a arte na comarca”, e por suposto aos artistas xa que “sen eles isto non sería posible”. Como non podía ser doutro xeito, Raquel lembrou que o orixe desta mostra “foi nunha noite de verán na praza de Petín nunha conversa entre David e Amancio”, dando paso ao propio David para presentar o acto.

Esmerodes asegurou que todas as persoas soñamos, a maioría de noite, outros de día e outros todo o tempo. “Eu pertenzo a este último grupo e soñaba con achegar a arte ás persoas e atopeime con outro soñador (hai xente que nos chama ilusos) aínda máis soñador ca min, Amancio, e exactamente dunha conversa escoitando á Sonora Petinesa, xurdiu o tema de humanizar a arte, achegala ás persoas”. Botando unha ollada ás fermosas fachadas do casco vello da vila, e tendo unha artista en casa (Carina Rodríguez, a muller de David) a idea foi collendo forza e o soño converteuse en realidade.
Non foi inmediato, a idea xerminaba hai uns oito anos, pero o proxecto saíu e hoxe inaugurábase a III edición contando coa presenza dun membro da Real Academia Galega das Artes que loou con sorpresa o feito de atopar un pobo con tanta xente interesada pola arte.
Valdeorras é terra de artistas e aínda que algúns repiten do ano pasado como Roberto a maioría expoñen por primeira vez nas floreadas e iluminadas rúas do casco vello de Petín.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.