OurenseÚltima hora

Reunión da Asociación de Mulleres Anel de Río co delegado da Xunta en Ourense

Nesta visita Gabriel Alén sinalaba que está aberta a convocatoria deste ano de axudas dirixidas a asociacións ou federacións de mulleres sen ánimo de lucro, inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais e que traballen a prol da igualdade entre homes e mulleres

 

Esta mañá o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitaba, acompañado do alcalde, Xosé Miguel Pérez, a Asociación de Mulleres Anel de San Xoán de Río, unha das beneficiarias da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na convocatoria de 2022 con 4.000 euros a través da Liña 1; onde aproveitou para informar que está aberta ata o vindeiro 4 de agosto a convocatoria de axudas para a consolidación das asociacións de mulleres e o fomento de actividades no eido da igualdade e da violencia de xénero (DOG do 4 de xullo).

O delegado territorial explicou que a convocatoria está dirixida a asociacións ou federacións de mulleres sen ánimo de lucro, inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (deben estar constituídas como mínimo por un 90% de mulleres) e que traballen a prol da igualdade entre homes e mulleres.

A Asociación de Mulleres Anel foi creada o 7 de outubro de 1995 no municipio de San Xoán de Río. Trátase dunha entidade sen ánimo de lucro, que ten como fin principal a promoción da muller en todos os ámbitos, a dinamización da vida social e cultural das mulleres e de toda a sociedade en xeral, a formación e realización de actividades, a creación dos medios necesarios para mellorar as súas condicións de vida e a realización de actividades que fomenten hábitos saudables e de lecer.

Gabriel Alén destacou que “a Xunta contribuirá con 330.000 euros a atender os gastos correntes derivados do mantemento e funcionamento das entidades e a apoiar os seus programas de traballo con mulleres vítimas da violencia de xénero ou para a promoción da igualdade coa fin de fortalecer o movemento asociativo feminino e potenciar a participación social e a calidade de vida das galegas”.

Así, na liña 1, destinada a compensar os gastos correntes que orixine o funcionamento das asociacións, a contía máxima prevista por entidade é de 4.000 euros; mentres que a liña 2 para a promoción de actuacións singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento ás vítimas co foco posto nas mulleres rurais, nas maiores e nas que se atopen en situación de vulnerabilidade, as contías serán ata un máximo de 6.000 euros por entidade.

Neste caso financiaranse actividades desenvolvidas entre o 1 de decembro do 2022 e o 30 de novembro de 2023 e que respondan a una destas catro tipoloxías: accións de sensibilización e concienciación social en materia de igualdade e prevención de violencia de xénero; actuacións para o empoderamento e a participación activa da cidadanía feminina; iniciativas para facilitar a adquisición de competencias e habilidades básicas para unha maior autonomía das mulleres e, por último, medidas específicas dirixidas á prevención da violencia contra as mulleres e ao acompañamento ás vítimas.

Artigos relacionados

Back to top button