CulturaCulturaÚltima hora

Sabela Hermida, de orixe valdeorresa, analiza o existencialismo en María Casares na XXXIX Semana Galega da Filosofía

Participaba na terceira xornada deste encontro que se está a de desenvolver en Pontevedra

Sabela Hermida, durante a súa intervención na Semana Galega de Filosofía.

 

Entre as relatoras da XXXIX Semana Galega da Filosofía, que se está a desenvolver nestes días en Pontevedra promovida pola Aula Castelao de Filosofía, está a actriz e doutora en Artes Escénicas Sabela Hermida, de orixe valdeorresa, quen na tarde de onte abordaba o existencialismo na vida e na creación artística da tamén actriz María Casares.

Na súa intervención analizaba “as causalidades e casualidades que, dende o seu nacemento, achegan á actriz ao pensamento existencialista”. Tamén amosaba como a súa concepción da arte dramática, do método interpretativo e da creación artística en xeral, “están fortemente influenciadas pola experiencia do exilio e pola filosofía existencialista. A súa escrita, especialmente o seu libro de memorias Residente privilexiada, é un bo exemplo desa poética existencialista coa que tanto se identificaba”.

 

 

Así mesmo, Hermida achegaba os factores que converteron a esta actriz galega “en referente imprescindible para as vangardas da época, especialmente para o teatro existencialista e humanista, chegando a protagonizar os máis importantes textos dramáticos de autores contemporáneos como Albert Camus, Jean Paul Sartre, Jean Genet ou Paul Claudel, entre outros moitos. Estes creadores vían en María Casares non só unha grande intérprete, senón tamén unha intelectual comprometida co acontecer sociopolítico do momento, así como unha digna sucesora dos valores ético-políticos que representaba seu pai, Santiago Casares Quiroga”.

E para complementar o relatorio comentaba  de maneira xenérica as interconexións que, ao longo da historia, xurdiron entre a creación artística e o pensamento filosófico.

Fotos: Aula Castelao de Filosofía.

Artigos relacionados

Back to top button