EntrevistasÚltima hora

“Tiempo é o meu traballo máis persoal, é como un videoensaio”

A barquense Alicia Alonso será unha das novas cineastas que participarán en “Supernova”, unha sección que se estreará no 15º Festival Internacional de Cine de Santiago

 

A barquense Alicia Alonso García./ Foto cedida.

Que lle regalarías a persoa que máis queres? Con esta pregunta directa comeza “Tiempo”, a última curtametraxe da barquense Alicia Alonso García, unha das novas voces do audiovisual galego. Son dous minutos e 48 segundos moi intensos emocionalmente nos que unha voz en off (a da propia creadora) reflexiona e conclúe dando resposta a esa pregunta inicial.

Este traballo, dun marcado carácter intimista e experimental, proxectarase no Curtocircuíto, 15º Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, que se celebrará do 29 de setembro ao 7 de outubro. É o primeiro que Alicia Alonso, que xa conta cun Mestre Mateo como coprodutora da webserie “El método sueco” no 2015, presenta en solitario. Tras pasar polo Festival de Cans, onde se proxectaba en maio, chegará no outono ata Compostela. “Estou moi contenta de poder estar en Curtocircuíto, é un festival moi bo”, comenta. E mentres chega o certame, está ultimando un novo videoclip, “agora estamos coa montaxe, pero saldrá dentro de pouco”, adianta.

Que diferencia a “Tiempo”, a túa primeira curta en solitario de outros traballos anteriores?

É o meu traballo máis persoal, é un pouco experimental, como un videoensaio. A verdade é que este proxecto naceu cando eu estaba na Escola de Imaxe e Son da Coruña. Ao rematar o primeiro curso mandáronnos facer un traballo sobre o que foi para nós ese primeiro ano, sobre que aprendimos, o que sentimos… E eu fixen un video inicial, que non é exactamente igual que a versión da curta. É unha reflexión do que sentín nese ano, no que sucederon cousas importantes na miña vida a nivel persoal e reflexeinas aí, tratando de construír un texto que tivese unha coherencia, que estivese ben fiado.

Como foi a selección das imaxes, entre as que poden verse lugares do Barco como o Malecón, a praia fluvial, o Sil…?

Realmente tiña as imaxes dende hai moito tempo. Cando empezaba a gravar saía coa cámara á rúa e recollía o que me apetecía, o que me gustaba e así, co tempo, fun recompilándoas. Moitas delas collinas dos videos que xa tiña e outros planos graveinos a maiores. Intentei que as imaxes tivesen a máxima relación posible co texto, que fosen acordes con el.

 

 

É unha reflexión moi persoal, pero coa que moita xente pode sentirse identificada…

Si, iso era algo que tamén buscaba, que aínda que fose unha situación persoal miña, realmente se entendese como unha reflexión universal, que é igual para todos.

Que tratamento teñen as imaxes?

As imaxes orixinais non eran así, quixen darlle como efectos de gravación caseira antiga, que non fosen tan perfectas e que iso fose tamén un como un efecto de recordo, de lembranzas.

Como é “Supernova”, a sección na que poderá verse “Tiempo”?

É unha sección que se estrea este ano, que non é competitiva. Está pensada para xente coma min, que está empezando, para darnos un espazo. Estar alí xa é bastante.

Como ves o movemento e a situación da xente nova, dos novos cineastas dentro do audiovisual galego?

Ultimamente están aparecendo moitos, xente incluso máis nova ca min que están comenzando a facer cousas interesantes, moi chulas e cada vez descubres máis. Dentro dos que participan en “Supernova” xa había algúns aos que coñecía doutros festivais, pero hai xente moza con pezas boas e da que non sabía e iso está moi ben. Penso que os festivais están intentando apostar un pouco máis polos novos cineasas, por facilitarlles as cousas xa que cando empezas é complicado meterte nun circuíto de festivais ou que recoñezan os teus traballos. E agora parece que se están dando pasos e estase apostando por todo iso.

Ata agora nunca se proxectou ningún dos teus traballos en Valdeorras…

Parece que aínda non chegou ese momento. Mostrar o que fago na comarca é algo que me gustaría porque ademais teño cousas moi diversas.

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button