EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Trabállase na actualización do rexistro vitícola de Galicia

 

Estase a traballar na actualización do rexistro vitícola de Galicia “para coñecer do mellor xeito posible a realidade da superficie de viñedo da nosa comunidade”. Asegurábao hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, quen mantivo unha xuntanza cos representantes das denominacións de orixe (DO) vitivinícolas de Galicia para avanzar nestes labores. Na reunión participaron responsables das DO Monterrei, Valdeorras, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Ribeiro.

Segundo indicou o titular de Medio Rural, o obxectivo destas tarefas “é actualizar e coordinar a información que existe, en forma de base de datos, no devandito rexistro, coa capa gráfica do Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (o Sixpac), que é o sistema de identificación de parcelas agrarias a efectos da xestión e control dos réximes de axuda baseados en superficies. Trátase de procurar que a realidade documentada se corresponda coa realidade física, a que existe sobre o territorio”.

Para levar a cabo este labor cóntase coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que desenvolveu tecnoloxías de intelixencia artificial. Estas van permitir dispor dun sistema capaz de diferenciar entre terras ocupadas por viñedos e por aquelas que non o están. É dicir, coñecer con precisión a superficie de viñedo, remarcou.

A finalidade última destas actuacións é “facilitar a planificación das diferentes políticas de impulso ao sector do viño, así como afondar na mellora da súa competitividade e asegurar un crecemento ordenado das plantacións de vide que permita continuar con esa mellora”, segundo o conselleiro.

Novo decreto

Ao tempo, búscase tamén adecuar e harmonizar a normativa autonómica coa comunitaria e estatal. Algo para o que a Xunta está a elaborar o futuro decreto polo que se regula o potencial de produción vitícola de Galicia e que se atopa actualmente en período de consulta aberta.

E precisamente, segundo indicou González, o seguinte paso neste traballo de actualización será someter a exposición pública a información dispoñible do rexistro, algo que está previsto para os primeiros meses do vindeiro ano, coa vista posta en ter perfectamente perfilado e rematado o traballo cara á vendima do 2024.

Con respecto á utilidade do rexistro na toma de decisións, o conselleiro puxo en valor que a planificación estratéxica é unha “marca da casa” na Consellería do Medio Rural, como así se puxo de manifesto coas estratexias do viño, do leite, da carne ou do sector forestal que están en marcha, lembrou.

Artigos relacionados

Back to top button