CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Victoria Gullón canta e conta no Barco os romances da Serra da Culebra

Actuaba na tarde do 28 de xuño no Xardín da Casa Grande dentro do ciclo “De Perto”

Medraba escoitando romances e cantares nos seranos, nas calurosas noites de verán. A maior parte das veces non entendía o que cantaban ou recitaban os maiores, que usaban a ironía e os dobres sentidos, pero xunto ao resto de nenos da súa aldea, Ferreras de Abajo, na Serra da Culebra (Zamora), non perdía detalle e escoitaba con atención. Algúns deses poemas cantados da tradición oral castelá, que nuns casos falan de amores e desamores e noutros de vinganzas, interpretábaos Victoria Gullón no Barco na tarde do 28 de xuño no Xardín da Casa Grande Viloira.

Comezaba con “De tu casa a la mía va una cadena”, un romance que lle cantaban “os mozos ás mozas para namoralas”, explicaba. E despois, a través dos romances e entre acotacións cheas de humor, ía presentando a diversos personaxes da súa aldea natal como, por exemplo, o labrador, mentres reivindicaba a vixencia dos romances, malia que algúns teñen xa moitos séculos de antigüidade.

Romances que falaban de historias de monxas que non sabían como dicirlle ao hortelán do convento que pagase a súa renda, de curas que tiñan tres galos ou aos que querían chocolate, ou mesmo romances infantís, cos que os nenos se desfacían da súa rabia cando estaban enfadadados, como o de Catalina, no que ademais convidaba ao público a cantar. Tamén había outros tráxicos e que rozaban o macabro, como o da Serrana de la Vera, a devoradora de homes.

Cantos, contos e mesmo versos, neste caso o poema “Romero sólo…” do seu paisano León Felipe, nacido en Tábara. Con eles e enlanzando co romance co que abría a función, “De tu casa a la mía va unha cadena”, Gullón pechaba esta divertida e interesante sesión na que partillaba algúns dos moitos romances que chegaron ata ela ao longo da súa vida, “porque os romances non tes que buscalos, eles búscante a ti”.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button