Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Yosi: “Recibimos esta medalla con todo o agarimo e con toda a humildade”

Los Suaves recibiron a Medalla de Ouro da Provincia de Ourense pola súa traxectoria e por seres, en palabras de Manuel Baltar “os fieis representantes da ourensanía”
O logo do gato de “Los Suaves” foi tamén o protagonistas do acto. // Foto: Carlos Asensio.

Los Suaves, o histórico grupo rock ourensán formado nos anos 80 recibiu hoxe, 10 de outubro, a Medalla de Ouro da Provincia de Ourense. O acto levouse a cabo no Salón de Plenos da Deputación, no Pazo Provincial. Un acto ao que acudiron diferentes integrantes da banda ao longo da súa historia, así como personalidades e políticos ourensáns.

Yosi e Charly Domínguez foron os encargados de recibir tan honorable distinción de mans do presidente da Deputación, Manuel Baltar. Pero antes diso, foron varios os que pasaron polo atril para lembrar a súa traxectoria e avalar os seus éxitos. O primeiro en falar foi o historiador Afonso Vázquez-Monxardín, que comparou a traxectoria dos suaves coa literatura galega medieval asegurando o seguinte: “Moitas cantigas de escarnio son o rock and roll medieval”. Asemade, o Vázquez- Monxardín asegurou que o grupo Los Suaves “son historia viva” e botou algúns datos que o demostran: “1.200 cancións, máis de mil concertos e dous millóns de discos vendidos”, asegurou.

En canto aos integrantes, de Charly dixo que era “o documentalista do grupo” mentres que de Yosi dixo que era “a alma” e reiterou que “ten sete vidas coma os gatos”, dixo facendo referencia á súa recente caída do escenario. Asemade, cualificouno de poeta, “xa que ten máis libros que discos publicados” e parafraseou unha frase do cantante: “Escribo ben, toco regular e canto daquela maneira”.

Pola súa banda, o columnista Jaime Noguerol, contou unha historia sobre Yosi e unha xitana nas Burgas que lle predixo que sería “o bardo de Auria”. Logo, fixo un percorrido literario pola historia do grupo para rematar a finais dos anos 80 cando “Los Suaves enchen a primeira praza do mundo, Las Ventas”.

Jaime Noguerol narrou unha historia sobre o grupo. // Foto: Carlos Asensio.

Outra das características salientables deste grupo contouna o escritor Rodrigo Cota: “eles souberon escapar das radiofórmulas e dos videoclips. Buscaban o contacto co público e ese foi o seu aval. Mentres todos ían caendo, eles seguían”.

Todos desfixéronse en louvanzas e recordos do mítico grupo da “movida ourensá”, e así quedou reflectido na acta de concesión da medalla que leu o deputado provincial Manuel Doval.

Foi a quenda de Yosi, que aínda convalecente, ergueuse con forza para pronunciar as súas verbas. Arrancou dando as grazas a todos os presentes. O cantante asegurou que reciben esta medalla “con todo o agarimo do mundo e con toda a humildade”. Yosi asegurou que lle sorprendeu que lle deran este galardón. En canto aos músicos que pasaron polo grupo ao longo da súa historia, o cantante reiterou que “todos deixaron algo en min”. Yosi quixo tomarse a licenza neste solemne momento para agradecer “o traballo de todos os doutores que me atenderon” tras a caída. O vocalista reiterou que neses momentos nos que o pasou tan mal “dinme de conta de quen me queren e quen son os meus amigos”. En clave seria e de humor ao mesmo tempo, asegurou que “non é certo que hai unha luz branca, ao final hai un túnel negro do que eu conseguín saír”. Sen saíres da clave do humor concluíu dicindo que con todo isto “aprendín que non todos os paxaros poden voar”.

Tras o discurso de Yosi, foi a quenda da entrega das medallas e do diploma. Un momento moi emotivo e cómico ao mesmo tempo xa que o columnista, Jaime Noguerol, foi botando follas de loureiro mentres lle recollían as distincións de mans do presidente da Deputación, Manuel Baltar.

Despois diso, o xefe do executivo provincial tamén lle dedicou unhas verbas a Los Suaves, que cualificou a xornada de hoxe como “un día grande para Ourense”. Baltar asegurou que de non existires Los Suaves “teriamos que inventalos” e asegurou que o grupo “ten un compromiso de identidade con Ourense”, dixo referíndose ao logo do gato, reiterando tamén que ese compromiso está presente nas súas cancións “como é a do afiador”. Asemade, o presidente provincial reiterou que Los Suaves “definen as tres características da ourensanía: traballo, creatividade e emigración”.

Na mesa vese o loureiro que botou Jaime Noguerol tras a entrega. // Foto: Carlos Asensio.

Manuel Baltar tamén se tomou a licenza de cambiar a tradicional frase sobre Ourense: “Tres cousas hai en Ourense que non hai en España, o Santo Cristo, as Burgas e -engadiu- Los Suaves”. Xa que con este grupo, aseverou, “Ourense convértese na capital do rock” e aventurouse a titular o seu seguinte álbum: “Profetas de nuestra tierra”.

O acto culminou na rúa Cruz Vermella, entre o Pazo Provincial e o Centro Cultural Marcos Valcárcel, cunha interpretación do afamado tema “Dolores se llamaba lola” por parte da Real Banda de Gaitas da Deputación.

Texto e fotos da galería: Carlos Asensio.

 

Artigos relacionados

Back to top button