CulturaCulturaÚltima hora

A 31 edición do Anuario da Gaita ofrece un completo estudo da cornamusa

Esta publicación contén un artigo de investigación sobre a presenza da gaita en Irán
Xosé Lois Foxo, Rosendo Fernández e Manuel Doval. // Foto: Carlos Asensio. 

A trixésimo primeira edición do Anuario da Gaita xa está na rúa. Esta publicación, editada pola Deputación de Ourense por medio da Escola Provincial de Gaitas, “é unha publicación pioneira dentro do seu xénero”, explicou hoxe, 18 de setembro, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, na presentación deste libro.

En concreto, este anuario fai un concreto traballo de investigación sobre o instrumento senlleiro en Galicia, a cornamusa. Pero non só dentro da nosa comunidade, dentro desta publicación hai traballos de diferentes estudosos deste instrumento “en francés, alemán, inglés e italiano”, explicou o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo. En concreto, Foxo destacou un traballo que fala sobre a gaita en Irán, un artigo escrito polo investigador iraní Mohsen Sharifan (1975).

O obxectivo primeiro desta publicación é servir como fonte de información para o estudo da gaita, polo que o anuario “é unha busca constante de referentes históricos”, dixo Foxo. Neste senso explicou o seguinte: “Temos aberta unha investigación en Mesopotamia referida a imaxes de gaiteiros que apareceron recentemente do 600 a.C.”. Pero tamén hai unha segunda función neste anuario, que é o de facer un resumo das actividades vencelladas á gaita.

Por todo isto, Rosendo Fernández cualificou de “aposta pola nosa cultura que está a buscar unha identidade forte”. Pola súa banda, o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, fixo unha louvanza do traballo, asegurando que este anuario “foi quen de manter viva a memoria do que nos identifica como pobo, a cornamusa”.

En total vanse distribuír, de xeito gratuíto, exemplares a 500 bibliotecas de todo o mundo.

Concerto no Vaticano

Xosé Lois Foxo aproveitou a ocasión para anunciar que a Real Banda de Gaitas actuará o día 15 de outubro na Praza de San Pedro, na canonización do beato Faustino Míguez de Celanova. A Escola Provincial de Gaitas sempre trata de levar “a nosa música e construír a nosa historia, a historia da gaita”, engadiu o director da Escola.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button