CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

Novos achádegos da Idade do Bronce e altomedievais, no municipio de Parada de Sil

Relizábase unha intervención arqueolóxica en Os Castrullos na parroquia de Forcas e no Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil

Escavación arqueolóxica no Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil (Parada de Sil).

 

Veñen de saír á luz novos vestixios de antigas construcións románicas e da necrópole altomedieval en Santa Cristina (Parada de Sil) e tamén da época da Idade do Bronce, o que segue revelando a gran riqueza arqueolóxica deste municipio da Ribeira Sacra. Son froito dunha actuación realizada en virtude do convenio asinado polo Concello de Parada de Sil e pola Dirección Xeral de Patrimonio para a posta en valor de novos puntos arqueolóxicos neste concello. Nel tamén se integraban os estudos arqueolóxicos en Santa Cristina e investigacións nun tipo de xacemento aínda case descoñecido en Galicia: as chamadas “rodas”, neste caso na zona chamada Os Castrullos ou A Torre, no lugar de Senra, parroquia de Forcas.

Rematados os traballos levados a cabo pola empresa Breogán Arqueoloxía, deron como resultado en Santa Cristina o descobremento dos citados restos das antigas construcións románicas e da necrópole altomedieval.

No caso de Santa Cristina baixo o nome de proxecto Merilán , nome do souto onde se atopa o mosteiros, a intervención tiña por obxectivo acadar datos arqueolóxicos que complementaran o coñecemento que sobre as orixes e evolución do mosteiro ofrece a documentación medieval.

 

Outra das imaxes da intervención en Santa Cristina.

 

Feitas tres catas e unha prospección xeofísica, descubríanse restos dun muro románico baixo o actual muro que delimita o claustro polo leste. O muro románico e o seu nivel de uso, á súa vez, superpúñanse a dúas sepulturas escavadas na propia rocha, que se identificaron como parte da necrópole altomedieval dos tempos fundacionais. Ademais atopábanse noutra parte máis esculturas, comprobándose polo tanto a existencia dunha importante necrópole altomedieval

Noutra sondaxe aparecía unha importante cantidade de restos óseos e incluso unha boa colección de zapatos de época baixomedieval, testemuñando tanto a presenza dunha importante e duradeira necrópole como a alteración deste mesma coas obras posteriores.

 

Restos arqueolóxicos atopados nos Castrullos.

 

Os Castrullos

Polo que ten que ver cos Castrullos, trátase dun recinto pseudo-circular duns 50 m de diámetro, delimitado por un parapeto de terra e cachote de ata 2 de altura no punto máis elevado. A hipótese de partida sitúaos no mundo do Bronce Final, o que o faría coetáneo a célebre espada de Forcas e ao Castro de Santa Cristina, na parroquia de Caxide, e incluso aos petróglifos recentemente descubertos no encoro da Edrada, así coma outros tamén localizados en Senra e no propio castro de Caxide.

Todo un conxunto de elementos que conforman unha paisaxe da Idade do Bronce das máis completas polo de agora en toda Galicia.Tamén se atopou moito mateiral cerámico coas características do Bronce final, faltanodo por agora coñecer con detalle a finalidade deste asentamento, se era un enterramento ou lugar habitacional.

 

Escavación arqueolóxica nos Castrullos, na parroquia de Forcas (Parada de Sil).

 

Actualmente o alcalde Aquilino Domínguez, está a estudar a posibilidade de ampliación dos estudos arqueolóxicos e a integración dos novos restos na visita ao mosteiro, así como de actualizar a información que sobre o mesmo se ofrece na actualidade, en vista do novos datos obtidos, para o que en breve solicitará unha entrevista coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, a quen lle agradece o convenio subscrito que fixo posible seguir reconstruíndo a historia.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button