SanidadeÚltima hora

A Unidade da Dor do Hospital de Ourense, a primeira acreditada como excelente na atención á dor do paciente oncolóxico

Convértese na primeira do país en obter a acreditación ACDON (Acreditación Dor Oncolóxica) por parte da Sociedade Española de Calidade

 

A Unidade da Dor do Hospital Universitario de Ourense é a primeira do país acreditada coa nova norma ACDON (de Acreditación da Dor Oncolóxica), pola Sociedade Española de Calidade Asistencial (SECA), que cualificou cun nivel de excelencia o seu proceso asistencial en resposta á dor do paciente con cancro.

A doutora Luz Cánovas, responsable da unidade ourensá, unha das decanas de país, acompañada de todo o seu equipo, recolleu hoxe a acreditación de mans de Berta Candia, representante da SECA e vogal da Sociedade Galega de Calidade (SOGALCA), nun acto que tamén contou coa asistencia de Albert Cortada, director xeral de Ferrer, compañía que colaborou coa Sociedade de Calidade na creación desta nova norma.

Esta norma é a primeira que se desenvolve en Europa para facilitar a mellora continua na atención aos/as pacientes con dor oncolóxica, e é froito do traballo de consenso realizado por profesionais de diferentes disciplinas: anestesiología, oncoloxía, medicina familiar, enfermería, psicoloxía, representantes de pacientes e expertos en métodos de investigación cualitativa en calidade asistencial.

A acreditación ten por obxectivo establecer un sistema de avaliación de calidade dos Servizos e Unidades que atenden pacientes con dor oncolóxica que sexa útil para o conxunto de Centros hospitalarios do Sistema Nacional de Saúde, para facilitar e visualizar o seu traballo, encamiñado á mellora continua da Calidade Asistencial, explican desde a Sociedade Española de Calidade Asistencial.

ACDON estrutúrase en oito apartados que abarcan desde a avaliación do paciente con dor oncolóxica, e as alternativas terapéuticas, ata a satisfacción experiencia do paciente e a seguridade do paciente. Cada un contén, á súa vez, unha serie de criterios de calidade que contan cada un cunha definición operativa e indicación da fonte onde obter a información que facilitaría o cumprimento de cada criterio.

A Unidade da Dor do Hospital Universitario que lidera a doutora Luz Cánovas, realizou a criterio da SECA, un procedemento impecable que se iniciou antes da pandemia cunha avaliación preparatoria da acreditación que permitiu observar cal era a situación e traballar os estándares de calidade nun proceso de mellora continua, que lle permitiu obter o máximo nivel previsto na mesma, o nivel EXCELENTE; sendo a primeira Unidade da Dor de España en conseguilo.

A doutora Luz Cánovas, xefa de sección do servizo de Anestesia e Reanimación no Hospital Universitario de Ourense, ademais de responsable da Unidade de Dor, destacou o seu orgullo por esta cualificación, que premia o traballo desenvolvido “é un orgullo ser a primeira unidade da dor de España en conseguir superar esta esixente norma” ademais, para Cánovas, “é moi importante, porque colocamos ao paciente e ao familiar con dor e cancro no eixo fundamental da atención e o tratamento”.

Así mesmo, a responsable da unidade da dor galega agradeceu a inestimable colaboración dos profesionais da Unidade de Calidade e do Servizo de Sistemas de Información da área Sanitaria de Ourense, nun proceso que axudará á mellora continua da atención a estes pacientes.

Artigos relacionados

Back to top button