OurenseÚltima hora

A estratexia “Raia Termal: un destino en dous países”

O proxecto Raia Termal confirma que os territorios con potencial en termalismo e natureza dotan ao mundo rural de oportunidades de futuro

 

Os socios no proxecto POCTEP Raia Termal celebraban hoxe no municipio portugués de Melgaço a Xornada de Peche na que valoraron positivamente a cooperación transfronteiriza e conviñeron en confirmar que os territorios con potencial en termalismo e natureza dotan ao mundo rural de oportunidades de futuro.

No acto, desenvolto nas Termas do Peso, estiveron presentes os presidentes da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e da Deputación de Ourense, José Antonio Quiroga e Manuel Baltar, respectivamente, e o presidente da Cámara Municipal de Melgaço, Manoel Batista, actuando como anfitrión. Por outra banda, desculpou a asistencia o cuarto socio no proxecto, Manuel Tibo, presidente da Cámara Municipal de Terras de Bouro.

O proxecto foi explicado polo director do mesmo, Manuel G. Sarria, detallando cada unha das accións desenvolvidas. Neste sentido, falou da recuperación de espazos fluviais afectados por augas residuais en contornas termais, a través de obras nas zonas de Os Baños de Riocaldo, Lobios, e no Regacho da Pousa en Muíños.

Tamén referiu actuacións orientadas a protexer e valorizar espazos naturais que complementen a oferta de lecer asociada ao turismo termal transfronteirizo, entre as que destacan, na parte española, a zona para autocaravanas en Bande, a sinalización do “Roteiro Termal de Cortegada”, a construción de Represa desmontable, pasarela peonil no río Caldo e ciclovía en Lobios e o carreiro a Illa de Pazós en Muíños.

Así mesmo, no territorio luso destacou a limpeza da liña de auga en termas do Peso, a restauración arbórea do parque termal e a colocación de contedores subterráneos no municipio de Melgaço, e a recuperación ambiental e acceso ao río do Gerês, en Terras de Bouro.

En canto á xestión conxunta e promoción do destino, explicou o deseño de varios produtos turísticos que combinan os diferentes recursos e servizos do territorio transfronteirizo, como reforzo da oferta actual.

Como complemento ás explicacións, reproducíronse vídeos promocionais que mostran con claridade as calidades e potencial do territorio Raia Termal, baixo o slogan “Calma a túa sede de viaxar”, imaxes que están a disposición na web https://www.raiatermalou.com/.

Como acto central e conclusións da xornada, os presidentes das Entidades socias tiveron a oportunidade de valorar positivamente os resultados obtidos e de expor a posibilidade de continuar o ronsel de coordinación e cooperación entre os territorios raianos.

“É importe resaltar o valor social e económico do sector termal e visibilizar a importancia da actividade económica que xera” explicou José Antonio Quiroga, presidente da CHMS e xefe de filas do proxecto.

“Os POCTEP son un instrumento financeiro que permite mellorar as contornas fluviais como complemento ao valioso patrimonio natural e cultural presente no territorio raiano”, concluíu Quiroga

Artigos relacionados

Back to top button