CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

A materia Cultura financeira ofertarase como optativa en 3º de ESO con tres sesións semanais desde o próximo curso

A súa introdución no sistema educativo galego responde ás recomendacións dos estudos a nivel mundial que subliñan a necesidade de iniciar a formación e alfabetización financeira xa desde o ensino obrigatorio

 

Coa presentación hoxe da nova materia Cultura financeira, “o sistema educativo galego continúa dando pasos firmes para asegurar un bo desenvolvemento competencial da mocidade, que contribuirá a impulsar a súa empregabilidade como futuros profesionais ao tempo que tamén redundará de xeito positivo no seu desempeño persoal no día a día”. Así o aseguraba esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidade, Román Rodríguez, con motivo da presentación da nova materia optativa Cultura financeira, nun acto no que estivo acompañado polo director do departamento de Conducta de Entidades do Banco de España, Fernando Tejada, e ao que asistiron tamén os profesionais docentes encargados de elaborar o currículo da asignatura.

O obxectivo da mesma -que se suma ás de Intelixencia artificial para a sociedade e Tecnoloxías intelixentes xa presentadas- é asegurar a mellor alfabetización financeira do alumnado, cun programa que proporciona as ferramentas para levar a cabo iniciativas emprendedoras e un consumo ético, responsable e sustentable.

Segundo explicou o conselleiro, ante un contexto de incerteza xerado pola falta de cultura económica, “faise necesario reforzar o coñecemento nesta materia e incluíla nos plans de estudos”. Ademais, a súa introdución no sistema educativo galego responde ás recomendacións dos estudos a nivel mundial que salientan a necesidade de iniciar a formación e alfabetización financeira xa desde o ensino obrigatorio.

Así pois, Cultura financeira “vai representar un apoio para calquera proxecto de vida adulta que entenda o papel central das finanzas e como interpretalo”, indicou Román Rodríguez. “Ademais, terá unha repercusión positiva non só en cada estudante de maneira individual, senón tamén no seu entorno”, abondou.

Tres sesións semanais

A materia de Cultura financeira ofertarase como optativa para 3º de ESO cunha carga horaria de tres sesións lectivas semanais. Partindo do coñecemento e a comprensión dos conceptos e riscos financeiros, no currículo da materia abordarase o desenvolvemento de habilidades, motivación e confianza necesarias para tomar decisións financeiras responsables e racionais, non só enfocadas á mellora individual, senón tamén a lograr o benestar financeiro da sociedade a través do fomento de patróns de consumo sostibles no tempo.

No que atinxe aos contidos, a materia establécese en catro bloques temáticos: diñeiro e transaccións, planificación e orzamento, a xestión bancaria das finanzas persoais e educación ao consumidor.

Entre os asuntos que abordará figuran cuestións como as transaccións e as formas que adopta o diñeiro, a xestión persoal de orzamentos e capacidade de aforro, xestión bancaria e prevención ante estafas, fraudes e riscos cibernéticos e a normativa de protección do consumidor e de dereitos e obrigas, entre outros.

Artigos relacionados

Back to top button