ConcellosÚltima hora

A valdeorresa María Neira recolle o “Premio Ourensanía” e dedícallo a “cantas persoas traballaron nesta pandemia”

A directora de Saúde Pública da Organización Mundial da Saúde (OMS) aseguraba que este galardón “faime estar máis agradecida con Ourense por darme o mellor pai do mundo"

 

O Premio Ourensanía viaxaba nesta xornada ata Oviedo para facer entrega do galardón correspondente ao ano 2020 á directora de Saúde Pública da Organización Mundial da Saúde (OMS), doutora María Neira, de orixe valdeorresa, en concreto de Xagoaza (O Barco), distinguida polo gran labor que desenvolve no ámbito divulgativo e de concienciación sobre a pandemia da Covid-19.

Un premio, que como dixo a homenaxeada, “faime estar máis agradecida con Ourense por darme o mellor pai do mundo: emprendedor, honesto, xeneroso, que saíu fóra a buscarse a vida, pero que nunca se esqueceu das súas raíces”. Unhas palabras ás que o presidente provincial, Manuel Baltar, respondeu agradecendo “o traballo que fas e seguirás facendo neste tempo de pandemia, nunha situación dramática na que toda a humanidade dirixía as súas miradas á OMS, personificada nas túas recomendacións e nesa prudencia activa nun momento que esixe non baixar a garda”.

Nun acto celebrado no espazo cultural da praza de Trascorrales e coa presenza do alcalde de Oviedo, Alfredo Canteli, quen agradeceu a elección da cidade para acoller o premio “a unha asturiana universal”, o presidente da Deputación felicitou á premiada e expresou o seu “agradecemento e admiración por un traballo tan profesional realizado nunha situación tan difícil como esta, e desde unha personalidade marcada pola proximidade e a empatía”.

Manuel Baltar, que agradeceu a xenerosidade do alcalde de Oviedo pola cesión do espazo cultural e pola súa presenza –“nada máis acabar un pleno”- asegurou que tras o aprazamento da entrega do Premio Ourensanía 2020 “non había mellor idea que escoller esta cidade para celebrar este acto, reforzando os vínculos entre Ourense e Oviedo, porque “a Ourensanía non entende de límites xeográficos, é un sentimento”. Exemplificou este vínculo no Pai Feijoo, protagonista da primeira ilustración, nacido en Pereiro de Aguiar en 1676 e que faleceu na capital asturiana en 1764, “onde repousan os seus restos a escasos metros de aquí na igrexa de Santa María da Corte, protagonista da primeira ilustración e autor do primeiro tratado feminista do que se ten constancia, Discurso de mulleres, o cal cobra hoxe maior relevancia coa distinción a María Neira”.

 

 

“Non queremos vender Ourense, senón compartila”, dixo Manuel Baltar aos asistentes, subliñando algunhas das súas principais fortalezas como o feito de ser “un mar termal, como provincia que somos co maior potencial termal de Europa e cuxa capital estará en semanas a dúas horas e oito minutos de Madrid grazas á alta velocidade, converténdonos na porta de entrada a Galicia e brindándonos novas e interesantes oportunidades”.

Nunha intervención moi persoal e emotiva, María Neira afirmou que fora “unha grandísima idea traer un pedacito de Ourense ata aquí”, lembrando como o pasado ano “en plena pandemia e en momentos moi duros de traballo, recibín unha chamada con acento galego que me dicía que o presidente da Deputación de Ourense quería falar comigo para comunicarme a concesión do premio”. E nunha nova sorpresa, engadiu, “xa que o acto de entrega non puido celebrarse en 2020, a Deputación informoume que viría a Oviedo”.

María Neira asegurou levar a Ourensanía “con moitísimo orgullo”, dedicando este premio a todos os sanitarios e a cantas persoas traballaron nesta pandemia, “e sobre todo a ese ceo de Ourense que me deu tanto, ao que tanto debo agradecer e ao que levo no corazón”.

O acto de entrega do Premio Ourensanía 2020, ao que acudiu unha representación do xurado, incluíu a interpretación dos himnos do Antigo Reino de Galicia e de Ourense, a cargo do gaiteiro maior da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, Marco Foxo, quen tamén interpretou o himno de Asturias xunto á Real Banda de Gaitas da Cidade de Oviedo.

O xurado do Premio Ourensanía estivo presidido por Manuel Baltar e integrado por Luís González Tosar, Manuel Guede, Patricia Torres, Eva Torres –presentes no acto-, Jesús de Juana, Juan Luís Saco, Miguel Anxo Fernández e Maribel Outeiriño, actuando como secretario Aurelio Gómez Villar.

María Neira

María Neira estudou medicina na Universidade de Oviedo e realizou os seus estudos de especialización de Endocrinoloxía en Francia. Exerceu con Médicos sen fronteiras en Centroamérica e posteriormente trasladouse coa ONU a Mozambique e Ruanda. Ingresou na Organización Mundial da Saúde (OMS) como directora do departamento de Prevención e Erradicación de Enfermidades Infecciosas. Tras isto, en 2002, foi nomeada presidenta da Axencia Española de Seguridade Alimentaria, trasladándose a Madrid. Poucos anos despois regresou a Xenebra para continuar o seu traballo na OMS, xa como directora do departamento de Saúde Pública e Medio Ambiente. Entre os premios que recibiu figuran a “Orde do Mérito Nacional” (Goberno da República Francesa, 2006); o Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional á OMS (Fundación Príncipe de Asturias, 2009) que recolleu xunto a Margaret Chan, e o Premio ” Woman” (2015) recibido de mans da Raíña Letizia, recoñecementos aos que une este ano o Premio Ourensanía (2020).

Artigos relacionados

Back to top button