En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Atopan posibles restos humanos prehistóricos na Ribeira Sacra

Na escavación dos Conventos en Vilachá (Pobra de Brollón) descubríase: un cranio, unha vértebra e dous fémures que, pola súa colocación e contexto arqueolóxico, semellan estar soterrados nunha cista prehistórica

Un equipo de arqueólogos buscaba un primitivo mosteiro medieval, o de San Martiño de Piñeira, na escavación dos Conventos no Val do Frade, Vilachá (A Pobra do Brollón), pero ao final da escavación topaban con algo moi diferente: restos humanos posiblemente prehistóricos, tal e como veñen de facer público. “De confirmarse con Carbono 14 a datación dos ósos atopados, estarían entre os restos humanos máis antigos atopados en Galicia”, segundo se informa dende o equipo, dirixido polo arqueólogo Xurxo Ayán e coa participación do Incipit-CSIC.

En concreto descubrían: un cranio, unha vértebra e dous fémures que, pola súa colocación e contexto arqueolóxico, semellan estar soterrados nunha cista prehistórica. “O achado é de gran importancia pola case nula existencia de restos óseos humanos prehistóricos en Galicia. Os restos xa están camiño ao laboratorio BETA para a súa datación con Carbono 14. Ademais do C14 aplicaranse outro tipo de probas que poderán dar información sobre a dieta ou incluso ADN”, segundo os investigadores.

A escavación en Os Conventos enmárcase na iniciativa Adegas da Memoria, un proxecto etnoarqueolóxico que busca dinamizar a parroquia de Vilachá de Salvadur, promovido pola Asociación veciñal de Vilachá e o Concello da Pobra do Brollón, coa colaboración do Incipit-CSIC.

Durante a escavación do Convestos púidose constatar unha ocupación medieval do lugar con mostras de cerámica dos séculos XII ou XIII e unha moeda do reinado de Alfonso X. Por debaixo deses niveis medievais, escavado directamente na rocha apareceu o oco cos restos humanos; un depósito funerario que indica un tratamento ritual posterior do cadáver.

“Con este novo achado, superamos con creces o obxectivo principal de Adegas da Memoria, que é facer o primeiro gran estudo sobre as orixes e evolución da paisaxe da Ribeira Sacra por man das persoas”, declara o investigador da Universidade Nova de Lisboa e director da intervención, Xurxo Ayán.

O técnico de cultura do Concello da Pobra e coordinador do proxecto Xosé Gago, comenta a importancia deste achado nun contexto no que a Ribeira Sacra é candidata a Patrimonio da Humanidade: “a paisaxe da Ribeira Sacra é unha paisaxe cultural que non se pode entender nin concibir sen ter en conta ás persoas que viviron e traballaron, que viven e traballan, na zona.”

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button