
Catro reputados expertos en desenvolvemento rural atópanse estes días visitando o territorio da Ribeira Sacra con centro no concello de Parada de Sil para estudar sobre o terreo as posibles opcións de futuro baseadas na sustentabilidade da contorna e as condicións necesarias que as fagan factibles e competitivas. Ademais do traballo de campo mantiveron unha sesión de traballo con responsables municipais, que consideran esta iniciativa “unha oportunidade para sentar as bases da estratexia que impulse o ámbito socioeconómico de Parada de forma que poida consolidarse no tempo e favoreza a recuperación do sector agroforestal e gandeiro, así como o desenvolvemento do turismo rural”, tal e como explican.
A principal conclusión despois de valorar o feito ata o de agora, é que se debe elaborar un plan estratéxico para ordenar o crecemento do sector turístico, proposta que o Concello tentará poñer en práctica.
Os especialistas son Eduardo Ramos Real, enxeñeiro agrónomo, doutor en Economía Agraria, profesor da Washington State University e director do máster de Desenvolvemento Rural da Universidade de Córdoba desde 1995; Francisco Carreño Sandoval, economista e profesor emérito da Universidade de Murcia, que foi director do Observatorio de Desenvolvemento Local e Rural da rexión de Murcia durante 15 anos. É presidente da Denominación de Orixe Bulas e membro da Confederación Española de Consellos Reguladores do Viño, ademais de presidente da Asociación de Propietarios Forestais da Región de Murcia.
O terceiro membro do equipo é Pablo Ligrone Fernández, arquitecto, doutor en Ordenamento Territorial pola Sorbona e catedrático da Facultade de Arquitectura da Universidade da República de Uruguai, a maior do país, con máis de 135.000 estudantes. Ligrone é, ademais, director do máster de Ordenamento Territorial e Desenvolvemento Urbano que imparte a citada universidade. O cuarto profesor é Manuel Pena Ferrando, Enxeñeiro Agrónomo, Master en Desenvolvemento Rural e especialista Consultor en Desenvolvemento Rural na Comunidade Valenciana.
Á parte de entrevistarse coas autoridades municipais, os tres expertos mantiveron encontros con empresarios e promotores locais para coñecer as súas experiencias reais de primeira man que lles axuden a compoñer a situación marco para a obtención de conclusións.
O profesor Eduardo Ramos que mantén desde o ano 2009 relación co concello de Parada de Sil (sendo esta a súa terceira visita ao mesmo e achegando ideas sobre o desenvolvemento rural sostible), manifesta que segue chamándolle a atención “o vigor da biodiversidade da Ribeira Sacra e Parada de Sil, o riquísimo patrimonio cultural e a mestura de enerxía, tesón e paixón que move a transformación sostible deste municipio”.
Constata desde o agarimo e respecto ao municipio “o crecemento exemplar en cantidade e calidade de oferta de servizos para visitantes”, entre os que sinala a Reitoral de Parada de Sil, así como a posta en funcionamento do Xeriátrico e o proxecto de axuda aos maiores nos seus domicilios que espera que pronto sexa unha realidade, “demostran que hai un traballo que e un espírito que impulsa e anima este desenvolvemento que trata de combinar as necesidades da veciñanza coas dos visitantes, ás veces cousa non fácil.
Termina dicindo que é precisamente a combinación entre o material e o intanxible o que fai de Parada “unha alma( si con ele) cargada de futuro”.
Neste xoves estarán acompañados polo presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez