CulturaCulturaÚltima horaVídeos

“Cereixa Ceibe”, curta documental sobre os actos do bicentenario do Concello da Cereixa (A Pobra do Brollón)

Esta peza, dirixida por Iago Seoane e Xurxo Ayán, estreábase hai uns días na canle youtube

 

No trienio liberal, entre 1821 e 1823, a parroquia de Cereixa (A Pobra do Brollón) foi un concello independente. No 2021, coincidindo co bicentenario deste feito histórico, organizábanse ao longo do ano unha serie de actividades para conmemorar esta data especial. “Cereixa ceibe”, unha curta documental que hai uns días se estreaba na plataforma youtube, toma como referencia eses actos e plantexa un percorrido polas diferentes capas da longa e singular historia esta localidade do sur lucense, así como polo labor de arqueoloxía en comunidade que lle está permitindo a veciñanza recuperar, investigar e preservar a memoria desta paisaxe da Ribeira Sacra.

 

 

Este traballo, que roza os vinte minutos, está dirixido e guionizado por Iago Seoane (da produtora Nas Beiras) e polo arqueólogo Xurxo Ayán. “Todo xurdiu a partir dunha proposta de Xurxo de facer unha curta que retratase as actividades do bicentenario: a Semana da Memoria Histórica de Repil en abril, a conmemoración do bicentenario e o Festival Científico de Galicia, en xuño e xullo, e o campo de voluntariado do Castro de San Lourenzo en agosto. O guión logo foise construíndo sobre a marcha a raíz deses días concretos nos que fomos gravando e logo tamén na montaxe, na edición final, que aí si que houbo un cribado moi grande, porque tiñamos moitísimo material”, conta Iago Seoane.

 

 

A estrutura desta peza segue a orde cronolóxica das actividades pasando de feitos relativamente recentes como foi o de Repil, na etapa da posguerra, á etapa altomedieval da necrópole e, finalmente, á da Idade de Ferro co Castro de San Lourenzo. “Nun principio barallamos a idea de seguir unha orde máis histórica e de rematar con Repil, que é o tema máis recente, pero ao final decidimos respectar a orde das actividades e tamén consideramos que o castro de San Lourenzo era un punto forte para rematar con el, co campo de voluntariado e con toda a rapazada participando nel”, explica o responsable da produtora Nas Beiras.

A música, e máis en concreto dúas cancións dun conxunto independente de Cereixa, abren e pechan esta curta documental. A primeira delas fala dos feitos da Casa de Repil e a segunda sobre a Fonte da Calota. “Deste conxunto forman parte varios veciños, pero os tres fixos son Suso Corenta, Xosé Maceda e Pablo Camarero. Os tres foron compoñendo unha serie de cancións no ano do bicentenario que se relacionaban con distintos sucesos nos que se estaba traballando e pareceume sumamente interesante poder utilizalas como parte da banda sonora”, comenta Seoane.

Din os promotores da curta nela “Cereixa conta a súa Historia de Resiliencia, a dunha comunidade rural que se resiste a deixar de ser”. E, de feito, a veciñanza cobra protagonismo neste traballo, pero non todo o que inicialmente tiñan previsto os directores, debido á limitacións como a do Covid-19. “É certo que nas actividades houbo participación e de persoas de todas as idades, pero para colaborar co documental si que me custou máis que a xente participase. Tanto Xurxo coma min botamos en falta non ter máis testemuñas dos veciños, pero o contexto no que se fixo non nolo permitiu”.

 

Iago Seoane, tras a cámara, gravando imaxes dun dos actos do bicentenario de Cereixa./ Foto: Xurxo Ayán.

 

Iago Seoane lembra que este proxecto “foi posto en marcha pola Asociación de Veciños María Castaña, por iso quero agradecerlles que confiaran en min. Tamén quero agradecer o apoio de Xurxo e dos demais investigadores, así como do campo de voluntariado que tamén participou”. Este produtor amósase disposto a proxectar este documental en centros de ensino ou en asociacións culturais e adianta que xa traballa en novas iniciativas relacionadas con Cereixa. “Este ano gravamos un par de eventos que celebraron no Concello da Pobra do Brollón, tamén organizador por Xurxo, e pola asociación de veciños, un deles sobre a nova escavación da Muradella, e outro foi a romaría do Castro de San Lourenzo. Agora a nosa intención é facer dous pequenos vídeos de 2 ou 3 minutos para visionar en redes sociais, serán como pequenos vídeos resumos dos eventos. Estou traballando neles e espero telos rematados nunhas semanas”.

Imaxes: “Cereixa Ceibe”.

 

Xurxo Ayán, nunha das imaxes da curta.

Artigos relacionados

Back to top button