CulturaCulturaEn portadaMúsicaÚltima hora

Co ciclo “De Perto”, adicado á oralidade, O Barco retomará en xullo a programación cultural

Sete serán as propostas "de luxo" desta oitava edición, cuxo único escenario será o xardín da Casa Grande de Viloira

A concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, na presentación do ciclo “De Perto”./ Foto: A.R.

 

Sete propostas para desfrutar da palabra contada, rimada e cantada da man de doce narradores, poetas ou cantantes de recoñecido prestixio. A oitava edición ciclo “De Perto” desprega un programa “de luxo”, en palabras da concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, e con el dase “o pistoletazo de saída para retomar” a actividade cultural no municipio, tras o parón debido á pandemia do Covid-19.

O ciclo, que se desenvolverá do 1 ao 18 de xullo chega ademais con novidades vencelladas ao que será a chamada “nova normalidade”. Terá un único escenario, o xardín da Casa Grande Viloira, e nel haberá un recinto acotado e con aforo limitado a cen persoas e no que se gardarán todas as medidas sanitarias para garantir a seguridade.

Unha delas será a obrigatoriedade de acudir con mascarilla, tal e como matizaba a concelleira de Cultura barquense nese mesmo xardín, onde se presentaba o programa de “De Perto” na mañá deste 5 de xuño. “O que o que veña a desfrutar do De Perto vai vir con toda a seguridade de que se van tomar todas as medidas pertinentes para evitar calquera tipo de contaxio”.

A primeira en pasar por ese escenario será a poetisa Tamara Andrés, o mércores 1 de xullo ás 20:30h (hora que se manterá en todas as actuacións do ciclo) coa proposta poética “O bosque e a danza”. Dous días despois, o 3 de xullo, o coñecido cantante, acordeonista e escritor Xurxo Souto que desta volta aposta pola narración oral con “Océano para terrícolas”.

 

 

 

A palabra rimada volverá o 8 de xullo da man de Samuel L. París con “Hecatombe”, mentres que o 10 de xullo Momi Ogalla (presente xa na anterior edición de De Perto) volta con Victoria Siedlecki para compartir co público valdeorrés as súas “Historias que vinieron del mar”.

A seguinte cita do programa é a do trío formado polas narradoras orais Carmen Conde, Vero Rilo e Ángeles Goás co espectáculo “Divas de diván”, previsto para o mércores 15 de xullo. Ademais o 17 de xullo poderá desfrutarse da cantante Faia coa actuación titulada “Ao Cabo Leirín”.

O oitavo “De Perto” completarase da man dun trío de recoñecidos contadores, que xa estiveron en varias ocasións neste ciclo barquense: Celso Sanmartín, José Luis Guitérrez (Guti) e Quico Cadaval. Desta volta fanno xuntos e co espectáculo “Tres vellas (polo menos)”.

 

A concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, na presentación do ciclo “De Perto”./ Foto: A.R.

 

O cartel desta edición, obra da creadora valdeorresa Eva Piay

Outra das novidades desta edición especial do De Perto é que, por primeira vez, o seu cartel promocional leva a sinatura dun artista valdeorrés. É obra de Eva Piay (Rubiá, 1999), estudante de Belas Artes en Valencia, que conta historias con debuxos e encamiña o seu traballo cara o cómic e a ilustración.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button