CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Curtas de Bélxica, Suecia, Canadá e España, e unha feita en Verín, galardoadas no FIC Vía XIV 2020

Os premios entregábanse na noite do 12 de setembro nunha gala de clausura no Auditorio, na que se facía un positivo balance desta edición inusual

 

Con moi boas sensacións vén de finalizar o V Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV de Verín neste 13 de setembro. Con 39 curtas a concurso, homenaxes, actividades paralelas, un estrito protocolo anticovid no Auditorio, sede do certame, que se enchía cada xornada.

 

 

“A proba do noso éxito témola en que o público respondeu con responsabilidade á nosa chamada. Tivemos o aforo completo en sesións e actividades da semana, unha evidencia tamén de que o cambio de datas que fixemos foi exitoso”, dicía o seu director, Carlos Montero na gala de clausura do festival, celebrada o 12 de setembro.

Neste acto, presentado por Iria Sobrado, entregábanse os galardóns das catro categorías do certame. Traballos de Bélxica, Canadá, Suecia, España e tamén un feito en Galicia (con selo verinés) integraban o palmáres nesta edición 2020 do certame, que se iniciaba o 5 de setembro.

 

 

O Premio á Mellor Curta na Categoría “Outra Mirada” foi para Bos, un traballo dirixido por Steffen Geypens. Jamila, unha curta sueca realizada por Sophie Vukovic, ergueuse co Premio á Mellor Curta na Categoría “Horizontes”. Por outra banda, Eco -do madrileño Aitor de Miguel- levou o Premio á Mellor Curta na Categoría “A Raia” e, finalmente, Je finirais en prison, de Alexandre Dostie, feita en Canadá, foi distinguida co Premio á Mellor Curta na Categoría “Nova”. O Premio do Público foi para Feitizo, unha curta dirixida polos mozos de Verín Álex González e Patricia Porto.

 

 

O xurado decidiu tamén outorgar unha mención especial, dentro da categoría A Raia, á curta Néstor, do portugués João González. Ademais entregábase un premio especial en memoria de “Geri”, que recollía emocionado e agradecido o seu pai, o artesán Gerardo Fernández (creador este ano do Premio do Público), que recibía de man de Jorge Godás. Tamén recollía o seu galarón como homenaxeado o actor galego Luis Zahera.

 

 

Durante o acto o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, daba o seu parabéns á organización, destacando a boa resposta dos espectadores, e o tenente de alcalde, Diego Lourenzo, resaltaba que este “non foi un FIC máis, por iso ten tanto valor, aquí estivemos a pesar das dificultades, con responsabilidade, mantendo as medidas de seguridade, aténdonos os protocolos de saúde a distanciamento, pero tamén con todo o amor á nosa cultura. E, neste senso, teño que agradecer o traballo da Asociación Cutural Via XIV e do equipo do FIC, da organización, dos voluntarios, dos traballadores municipais, e a exemplaridade do público e de todos os veciños de Verín, grazas a todos polo voso compromiso”.

 

 

De maneira semellante se pronunciaba o director do festival, Carlos Montero, quen recoñecía as complexidades desta edición, pero tamén indicía en que “non queríamos deternos, porque sabiamos que se o facíamos ía ser moi difícil retomar o FIC e tamén porque cremos firmemente que somos cultura e que esta non debe parar. Ao contrario, demostrouse máis necesaria que nunca en tempos de pandemia pois nos acompañou e fíxonos máis levadeiro o confinamento, por iso decidimos impulsar esta quinta edición. Iso si, marcando un estrito protocolo anti-Covid, con medidas que nos axudaron a todos a sentirnos máis seguros”.

 

 

A gala estivo tamén marcada polas actuacións musicais co son de filmes como “A Misión”, entre outras referencias cinematográficas, e abríase coa interpretación da banda sonora do FIC, interpretada tamén polo seu autor, o verinense Jorge Godás.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button